AMÉRICA LATINA

A continuidade de Evo Morales, en perigo

A continuidade de Evo Morales, en perigo
Evo Morales leva case 15 anos como presidente de Boivia. Foto: twitter MAS
Evo Morales leva case 15 anos como presidente de Boivia. Foto: twitter MAS  

Con case 85% do voto escrutado das eleccións presidenciais en Bolivia, o líder do Movemento ao Socialismo (MAS), aínda gañando, non chegaría á maioría absoluta (45,28%) nin obtería dez puntos máis co segundo, Carlos Mesa, do Comunidade Cidadá (38,16%). Os votos ao integrista cristián Chi Yung Chung do Partido Demócrata Cristián, terceiro con 8,77% dos votos, poderían ser decisivos na segunda volta, o 15 de decembro.


Segundo os resultados anunciados polo Tribunal Supremo Electoral (TSE) de Bolivia á última hora deste domingo, 21 de outubro, Evo Morales sería o máis votado nas eleccións presidenciais. Porén, non chegaría á maioría absoluta polo que debería organizarse unha inédita segunda volta no país andino (o 15 de decembro) que poría en perigo a súa continuidade no cargo. Os resultados definitivos tardarán aínda varios días en coñecerse.

Con 84% do voto escrutado, Morales, do Movemento ao Socialismo (MAS), obtería 45,28%, seguido polo ex gobernante Carlos Mesa, da alianza Comunidade Cidadá, que sumaría 38,16%. A sorpresa deuna o pastor evanxélico do Partido Demócrata Cristián, Chi Hyun Chung, nacido en Corea do Sur e coñecido como o “Bolsonaro boliviano”, que sería terceiro con 8,77% (as sondaxes dábanlle ao redor de 35). Cuarto estaría Óscar Ortiz, senador opositor a Morales, de Bolivia Di Non, con 4,41% do sufraxio.

 

A lei electoral boliviana estabelece que será proclamada á Presidencia é á Vicepresidencia a candidatura que reunise 50% máis un dos votos, ou que, no seu defecto, lograra un mínimo de 40% cunha diferenza de canto menos 10% con respecto á segunda candidatura. Deste xeito, Morales e Mesa, como os dous únicos candidatos, pelexarían polo triunfo o 15 de decembro, nunha cita na que os votos a Chi Hyun Chung e a Óscar Ortiz poderían ser decisivos para rematar con case 15 anos de Evo Morales á fronte de Bolivia.

Neste tempo, Morales conseguiu un cambio profundo no país, o segundo máis pobre de todo o continente, só por detrás de Haití. Actualmente, é dos que máis medra, nun contexto no que a caída das exportacións e dos prezos das materias primas están afectando duramente á rexión. Ademais, salienta especialmente o cambio que implicou que a maioría social, os indíxenas, teñan un papel protagonista, tal e como apunta na súa análise Manuel Mera.