CATALUNYA

Contundente resposta contra a sentenza das institucións e dos partidos soberanistas cataláns

Contundente resposta contra a sentenza das institucións e dos partidos soberanistas cataláns
Protesta desta segunda feira no Parlament, co seu presidente, Roger Torrent, á cabeza
Protesta desta segunda feira no Parlament, co seu presidente, Roger Torrent, á cabeza  

O presidente da Generalitat, Quim Torra, ten previsto poñerse en contacto co presidente e co xefe do Estado españois “de forma urxente”. As formacións políticas falan de “vinganza”, “barbaridade” e de “negación de direitos”. Mesmo desde o FC Barcelona afirman nun comunicado que “a prisión non é a solución”.


Quim Torra: “Cataluña vive unha hora negra”

O presidente da Generalitat, Quim Torra, acompañado polos membros do Govern e polo presidente do Parlament, Roger Torrent, comezou a súa intervención sinalando: “Rexeitamos esta sentenza por inxusta e antidemocrática”. “Hoxe máis que nunca sentímonos solidarios. As reivindicacións de Cataluña son unha realidade permanente na súa historia. A condena é un insulto á democracia e á sociedade catalá”, engadiu,

Torrent sinalou ademais que “facer un referendo non é un delito. O dereito á autodeterminación é un dereito das nacións”. Ademais, informou que vai pedir a súa comparecencia no Parlament e que ten previsto mandar cartas ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e ao xefe do Estado, Filipe VI, “de forma urxente”.

Carles Puigdemont: "Unha barbaridade"

"100 anos de prisión en total. Unha barbaridade. Agora máis que nunca, ao voso carón e ao das vosas familias. Toca reaccionar, como nunca. Polo futuro das nosas fillas e dos nosos fillos. Pola democracia. Por Europa. Por Cataunya", escribiu no Twitter pouco despois de coñecerse a sentenza o preseindente no exilio, Carles Puigdemont.

Ada Colau: "O conflito que vivimos en Catalunya é político"

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, asegurou que o xuízo "polas condicións nas que se desenvolveu" supuxo "un retroceso no estado de dereito" cunhas acusacións que respondían, segundo a súa opinión, máis a unha "vontade de vinganza que a facer xustiza". "O conflito non se resolverá con máis xuízos e prisión", manifestou. "O conflito que vivimos en Catalunya é político", engadiu.

ERC: “Non é unha sentenza, é unha vinganza”

Nunha conferencia de prensa no Parlament, o portavoz de ERC no Congreso dos Deputados, Gabriel Rufián, afirmou que a sentenza é a “maior agresión” contra Catalunya desde o xuízo e fulsilamento do presidente catalán Lluís Companys. Acompañado por deputados e dirixentes do seu partido, Rufián considerou que “a inmensa maioría da poboación catalá, vote quen vote, de ser demócrata, comparte que é unha salvaxada o que pasou hoxe", e defendeu que esta sentenza multiplicará a indignación que supuxo a sentenza do Estatut en 2010.

“A miopía, o salvaxismo e a barbaridade que demostran a xente que subscribe que apoia e que está louvando esta sentenza é brutal. A irresponsabilidade é histórica. O que se acaba de publicar non é unha sentenza, é unha vinganza. E as vinganzas en política sempre saen mal”, ha alertado. Ademais, a deputada de ERC no Parlament Marta Vilalta engadiu ao respecto que “a democracia morreu no Estado español”, augurando que provocará un terremoto político e social en Catalunya.

Junts per Catalunya: “Contra a sentenza, independencia”

O portavoz de Junts per Catalunya, Eduard Pujol, dixo en conferencia de prensa dende o Parlament que a sentenza era unha “condena a Cataluña”, mentres que a voceira da formación no Congreso dos Deputados, Laura Borràs, afirmou que a Xustiza española é “inhumana”.

“Contra a represión, máis urnas e máis democracia. Contra a sentenza, independencia”, agregou a deputada no Parlamento español. Pujol, pola súa banda, incidiu en que a condena as e os líderes do procès é unha condena á democracia, á política e a Cataluña”. “Cen anos de prisión son unha absoluta barbaridade”, salientou.

CUP: “É nas rúas onde o pobo se defende”

Dende a Candidatura de Unidade Popular (CUP) chamaron a mobilizarse nas rúas contra a sentenza. “É nas rúas onde o pobo se defende. Amnistía, autodeterminación, desobediencia”, é a entrada que ten fixada na súa conta de Twitter a formación independentista. Os seus dirixentes lideraron en Barcelona unha manifestación de protesta polas rúas de Barcelona. Pouco antes das 13h, esta marcha chegou á céntrica Praza de Catalunya con berros de “Liberdade, presos políticos”.

Ademais, tamén en Twitter, o deputado da CUP no Parlament Carles Riera escribiu que a condena supón “99 anos e seis meses de inxustiza. 100 anos de negación de dereitos e de liberdades fundamentais”. E engadiu: “100 motivos para a solidariedade, 100 razóns para loitar até que volvan á casa, até que sexamos libres”.

Catalunya En Comú: “Grave retroceso democrático non só para Catalunya”

O portavoz de ECP, Jaume Asens, cre que a sentenza supón un "retroceso democrático" que, segundo el, marcará unha das páxinas máis negras da historia de Catalunya. "Responde máis a unha vontade de vinganza que a unha vontade de xustiza. É un precedente grave e un retroceso democrático non só para Catalunya, senón para o resto do Estado", criticou en conferencia de prensa canda a presidenta da formación no Parlament, Jéssica Albiach.

Asens defendeu a necesidade de traballar para conseguir a liberdade das e dos condenados, e fixo un chamamento aos partidos para procurar a forma máis efectiva de que saian do cárcere. Isto, para eles, pasaría por unha reforma do Código Penal do delito de sedición, aínda que sen desbotar outras opcións como a amnistía.

FC Barcelona: “A prisión non é a solución”

“O FC Barcelona, como unha das entidades de referencia de Catalunya, e de acordo coa súa traxectoria histórica...”. Así comeza o comunicado emitido polo senlleiro club de fútbol catalán ao respecto da sentenza, da que di “non é a solución”. “A resolución do conflito que vive Catalunya pasa, exclusivamente, polo diálogo político”, consideran, e chaman á “liberación dos líderes cívicos e políticos condenados”.