“Os corsos dixemos cos votos que non eramos parte doutro país, que eramos unha nación”

“Os corsos dixemos cos votos que non eramos parte doutro país, que eramos unha nación”
Talamoni
Talamoni  

O discurso de toma de posesión como presidente da Asemblea de Córsega do independentista Jean-Guy Talamoni levanta ronchas na esquerda e na dereita galas. Vídeo no interior


A segunda volta das eleccións 'rexionais' en Córsega supuxo o maior pontapé levado polo centralismo francés en décadas: vitoria da candidatura unitaria de nacionalistas e independentistas (Pè à Corsica) sobre a esquerda e a dereita gala. Un triunfo histórico que, aliás, se conseguiu nuns comicios nos que a Fronte Nacional tivo nesta illa dos seus peores resultados no Estado francés.

Pasou o día (das eleccións) mais non pasou a romaría. Esta quinta feira tomou posesión como presidente da Asemblea de Córsega Jean-Guy Talamoni, avogado, activista e militante de 'Corsica Libera', a formación independentista que fai parte da coligazón 'Pè a Corsica'. E o seu discurso non deixou indiferente. Falou en corso, o que provocou ronchas na esquerda e na dereita francesa, que axiña se queixou de ter que aturar un discurso en Francia nun idioma que non entendían todos os franceses.

Talamoni quixo deixar claro que era presidente da asemblea de todos os corsos, independentemente da súa ideoloxía e militancia. Mais iso non era impedimento para que defendese que a illa era unha nación e non un simple apéndice de Francia, para que defendese a liberdade dos presos independentistas corsos, ou para que chamase a traballar man a man con todos os que queiran mudar o 'status quo'. Dirixeuse tamén aos corsos que non son nacionalistas e mesmo aos anti-nacionalistas. “Nós dicímoslle: non tedes nada que temer. Chegou o momento para a reconciliación de nosa comunidade nacional consigo propia. Córsega pertence a todos os corsos, e o goberno nacional, o primeiro desde o século XVIII, será o de todos”.

Compromisos

“Imos traballar para o ben común”, comprometeuse Talamoni. “Todos xuntos imos implementar unha nova política, pola lingua, pola Terra, para o desenvolvemento, pola xustiza social”. O líder independentista pechou o seu discurso cun 'Viva Córsega, Viva a Nación”. O que lle custou unha nova vaga de críticas desde partidos e organizacións francesas, tamén da esquerda gala.