Cruzamento de acusacións entre os EUA e o Irán

Cruzamento de acusacións entre os EUA e o Irán
Donald Trump
Donald Trump  

O presidente dos EUA, Donald Trump, desmentiu que enviase unha mensaxe ao Irán na que presuntamente avisaría do “ataque inminente”a territorio iraniano, mentres o seu homólogo en Teherán, Hasán Rodani, advirte dunha “nova tensión”.


“Non estou buscando unha guerra. Se a hai, será unha destrución como nunca antes viron. Pero non estou buscando facelo”. Así se pronunciaba Donald Trump nunha entrevista concedida á cadea NBC, onde cargou contra o Irán advertindo que “non pode ter armas nucleares”.

A entrevista tivo lugar días despois de que un dron espía dos EUA fose derrubado a pasada quinta feira no estreito de Ormuz. Un feito cualificado polo Irán de “ataque”. “Esta invasión dos EUA é o inicio dunha nova tensión, por eles provocada, na rexión”, sinalou este domingo o presidente iraniano, Hasán Rohani. O mandatario empraza a comunidade internacional a responder perante o incidente.

Segundo funcionarios do Goberno estadounidense, o exército dos EUA lanzou ciberataques contra sistemas de control de mísiles iranianos e unha rede de espionaxe logo de que o Irán derrubase o dron. Trump ordenara un ataque militar contra territorio iraniano mais ao pouco cancelouno e prometeu novas sancións.

Mentres Teherán asegura que o dron sinistrado violou o seu espazo aéreo, a Casa Blanca sinala que o aparello foi destruído no espazo aéreo internacional.