Cruzar o mar ou morrer aos poucos

Cruzar o mar ou morrer aos poucos
Abasse Ndione
Abasse Ndione  

Refuxiado vén de ser elixida a palabra máis significativa do 2015. Así se decidiu a través dunha votación telemática no Portal das palabras, da que fixeron parte por volta de 1700 persoas. Segundo os datos da Organización Internacional para as Migracións (OIM) máis de 350.000 persoas cruzaron o Mediterráneo, para o norte, entre xaneiro e xullo de 2015. Delas, case 3000 non chegaron a ningures.


No que vai do ano máis de  350 mil persoas cruzaron o Mediterráneo en dirección norte. En barcos vellos e amontoadas as unhas sobre as outras. Seguramente moitas máis cruzaron en dirección sur en luxosos camarotes e barcos ben equipados. Os primeiros son denominados aquí inmigrantes ou refuxiados e os segundos turistas. Nesa travesía, dos que viñeron en dirección norte polo menos 2.643 morreron. Dos que atravesaron para o sur, en naufraxios, ningún, que saibamos.

Segundo os datos  da Organización Internacional para as Migracións (OIM) dese total de 350.000 , a maioría, uns 218.000, entrou ao continente europeo alcanzando as costas de Grecia mentres que a Italia chegaron 114.000, se confiarmos nos datos máis recentes do mesmo organismo.

Por que  veñen a Europa?

Seguramente as razóns son tantas como as persoas emigrantes e, en todo caso, os medios occidentais só nos dan noticia da chegada, poucas veces das causas, a non ser cando interesa salientar algunhas, como os conflitos bélicos en Siria. Mais faltan as razóns explicadas desde a parte dos que saen, dos que inician un camiño ao sur do deserto para acabar, ou non, na ribeira europea, desafiando case sempre a morte. En todo o caso cómpre ter presente aclaracións como esta dunha asociación de inmigrantes: “Os inmigrantes non queremos "facer turismo". Non desexamos deixar as nosas familias, nin afastarnos do noso país nin somos aventureiros que aman as viaxes de risco. Somos persoas que procuramos oportunidades para levar unha vida digna para nós e para os nosos fillos”

"Ndione é un escritor comprometido coa súa xente até o punto de vivir no mesmo bairro de pescadores onde morou toda a vida"


Abasse Ndione é un escritor senegalés, enfermeiro de formación e profesión. Agardou oito anos para poder publicar a súa primeira novela titulada A vida en espiral. Nela aborda o tráfico e consumo de “yamba” o nome local do cánnabis. Mais, facendo uso do que chamaríamos retranca, explica deste xeito a tardanza en se publicar o seu libro, acudindo ao dito que di: mesmo oculta na herba a flor perfumada cheira. E de tal modo cheirou esta flor que a editorial francesa Gallimard se interesou pola novela e acabou publicándoa. 

Noutra novela, titulada Mbëkë mi, Abasse Ndione fala da emigración dos mozos senegaleses, embarcados en pirogas para intentar chegaren ás Canarias e logo a Europa. Mais iso é ficción literaria e Ndione é un escritor comprometido coa súa xente até o punto de vivir no mesmo bairro de pescadores onde morou toda a vida.


Para coñecermos cal é súa visión do problema da migración cara ao norte acudimos a unha entrevista que lle fixo o Courrier d´Áfrique e publicada hai poucos días. Ao ser preguntado polas razóns que impulsan os mozos senegaleses a se embarcaren en “pateras” para gañaren as costas europeas, responde rotundo: “A desesperanza” Mais esta desesperanza ten unha razón, ten moitas razóns e fundaméntase, basicamente, no desemprego “Os que traballan non gañan para arranxar os seus problemas. O 95 % do salario precisase para comida. Traballar para nada”.

Abasse NdioneDe aí a pensaren que en Europa poden encontrar un futuro mellor non vai nada. E menos cando mesmo a TV aposta por mostrar, nas telenovelas, o triunfo dos emigrantes.  O grande problema para esa viaxe ao futuro son os trámites administrativos, os visados. Apenas hai posibilidades de visados legais polo que a solución é o mercado negro. Un visado no mercado negro custa uns 5000 dólares, cando a maioría dos senegaleses viven con menos de 2 dólares por día. Esta situación económica non é nova, non é de agora, mais agora mais “a situación agravou. A vida é moito máis cara. E os valores mudaron”. Agora o que interesa- di Abasse-, o quen ten éxito, “é quen posúe un 4x4, unha boa casa e boa roupa. E onde está esa riqueza? En Europa”. E que é capaz de alcanzar Europa  pode “xestionar” a familia que fica no país” pois mesmo  e nas telenovelas difundidas no Senegal “quen ten éxito é o emigrado”.

O éxito dos “thiof”

 Un emigrante é denominado “thiof”, isto é garoupa,  mero. O mero é un peixe que un senegalés non se pode permitir comer porque custa 10000 francos (15 euros). O mero, ademais, é exportado a Europa de maneira que é máis fácil comelo en París do que en Dakar. “As mozas din que elas queren pescar un mero”, un que teña diñeiro e nas telenovelas os “thiof” teñen “todas as mulleres aos seus pés”

“A nosa relación coa morte non é como a dos occidentais” aclara Ndione, para engadir “aquí dicimos que é o destino


A entrevista transcorre por estes vieiros cando aparece a pregunta inevitábel: Non teñen medo a morreren no mar?

“A nosa relación coa morte non é como a dos occidentais” aclara Ndione, para engadir “aquí dicimos que é o destino. Se Deus di que vas morrer no mar, non hai nada que facer. Vas morrer no mar. E se non estás para morrer no mar, non morres. De todas as maneiras, a morte é a menor das preocupacións. Aquí en Senegal a nosa condición é a morte aos poucos. Morrer de vez é moito mellor, xa que temos que morrer. Eles asumen que a vida que terán que levar en Senegal é peor do que a morte”

E mentres, Europa segue a levantar muros de cemento e de arame. E outros peores  de racismo e insolidariedade.