O PRESIDENTE DE ÒMNIUM REIVINDICA A "DESOBEDIENCIA CIVIL"

Cuixart, no xuízo: "A violencia non forma parte do ADN da sociedade catalá"

Cuixart, no xuízo: "A violencia non forma parte do ADN da sociedade catalá"
Jordi Cuixart
Jordi Cuixart  

O 1-O foi un xigantesco exercicio de "desobediencia civil" pacífica, o maior da historia contemporánea de Europa. Sobre esa tese edificou o seu testemuño esta terza feira, no xuízo ao procés, o presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, que enfrenta cargos por rebelión que poderían resultar en 17 anos de prisión.


A acusación formulada polo fiscal tratou en todo momento de convencer o tribunal de que o presidente de Òmnium Cultural utilizou as masas de votantes o 1 de outubro para desobedecer o mandato de suspensión do referendo decretada polo Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.

Cuixart sería responsábel dun delito de rebelión porque ese chamamento tería tido como consecuencia episodios de violencia en determinados colexios electorais da cidade de Barcelona.

O líder do colectivo soberanista respondeu en todo momento que os únicos actos violentos foron as cargas policiais, saldadas con perto de 1.000 persoas feridas e que se teñen saldado na abertura de xuízos por agresións contra 17 funcionarios da Policía Nacional.

Cuixart declarou que Òmnium Cultural non recibiu ningunha notificación xudicial que lle prohibise realizar actos de protesta o 1 de outubro. Argumentou que aquel día o Goberno español non declarou o estado de sitio e que, polo tanto, estaban plenamente en vigor dereitos fundamentais como o dereito de manifestación ou a liberdade de expresión.

Como nos anteriores interrogatorios, a fiscalía non achegou probas concretas que desen respaldo á súa acusación, máis alá de algún rechío da conta twitter de Òmnium Cultural.

O fiscal si puxo a énfase en que a diferenza do referendo do 9N o 1-O si que fora prohibido explicitamente por un mandato do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, mais non puido estabelecer ningún nexo entre esta circunstancia e o cargo de organizador da suposta rebelión que imputa a Cuixart.

"A violencia non forma parte do ADN da sociedade catalá", dixo Cuixart. Na súa quenda, a súa defensa mostrou un vídeo en que se ve o presidente de Òmnium Cultural falando cun grupo de persoas das miles que se congregaran diante da sede de Economía no centro de Barcelona, o 20 de setembro de 2018. A concentración xa se disolvera e Cuixart falaba con esas persoas para lles pedir que se fosen para casa porque todo está finalizado e que non tiña ningún sentido agardar a que saíse do edificio a comitiva xudicial que efectuara alí un rexistro.

Este testemuño debilita a acusación, segundo a cal Òmnium Cultural, como a Asemblea Nacional Catalana, dirixiu as masas para impedir á comitiva xudicial realizar o seu traballo.

Cuixart declarou, como xa fixera Jordi Sànchez, o presidente da ANC, que os colectivos cívicos se preocuparon por habilitar un corredor, no medio da concentración, para facilitar a saída do edificio da comitiva xudicial.