UNHA ANÁLISE DE XULIO RÍOS

Cumio Trump-Kim, de dous a seis?

Cumio Trump-Kim, de dous a seis?
Trump e Kim
Trump e Kim  

Despois de tantos tirapuxas, o cumio Trump-Kim, puido celebrarse finalmente. E todo parece indicar que o gran gañador do evento foi o líder norcoreano. Trump elevara as expectativas dun encontro no que había facer gala das súas autoaclamadas habilidades negociadoras, pero á hora da verdade puideron quedarse curtas.


Kim Jong-un accedeu a promover a desnuclearización “de toda a península” pero non será de maneira  incondicional nin inmediata, á espera de concretar as garantías precisas no marco dun acordo integral que abarque a seguridade, a diplomacia e a economía. Kim suspenderá os ensaios e Trump, as manobras militares no mar Amarelo segundo o principio da dobre suspensión instado por China dende hai tempo. A medida do éxito final do encontro virá dada no inmediato pola posibilidade de que Seúl e Pyongyang anuncien a firma do Tratado de Paz que poña fin ás hostilidades. En calquera caso, o conflito confróntase a un novo escenario. Trump fixo historia; agora veremos o que fai a historia con el. 

 

Moon 

 

Tras asumir o cargo en maio do ano pasado, o presidente surcoreano Moon Jae-in promoveu a reconciliación intercoreana e o diálogo entre os EUA e Corea do Norte. A el deberan corresponder os méritos principais deste cumio ao que non se chegaría sen o encontro previo do 27 de abril na Casa da Paz en Panmunjon que permitiu a Kim se converter no primeiro líder norcoreano en poñer un pé no sur. 

 

Kim suspenderá os ensaios e Trump, as manobras militares no mar Amarelo segundo o principio da dobre suspensión instado por China dende hai tempo

 

Hai unha década, Moon, entón xefe de gabinete do presidente Roh Moo-hyun (2003-2008), participara directamente na organización do cumio co pai de Kim III, que rematou cunha declaración de paz e compromisos de axuda de Seúl a Pyongyang. Seis meses despois daquel outro “histórico” encontro, a vitoria da oposición nos comicios surcoreanos daba ao traste co proceso. Unha das razóns daquel fracaso atribuíuse á falta de complicidade do entón presidente estadounidense George W. Bush. É por iso que Moon empregouse a fondo nesta ocasión para garantir o acompañamento da Casa Branca chegando ata a dicir que Trump ben merece un Premio Nobel da Paz…

 

kim 2

 

Moon é un convencido dos beneficios dunha política baseada no diálogo e non nas sancións. A súa aposta pola distensión ten moi en conta que no Norte existe unha economía que vén medrando a unha media do 4 por cento nos últimos anos, cunha man de obra abundante que fala a mesma lingua e que podería alentar un novo impulso da economía surcoreana, ameazada pola perda de competitividade. Tamén precisa relanzar o entendemento con China, lastrado polo acordo con EUA para instalar un escudo antimísiles (o sistema coñecido como THAAD, polas siglas en inglés) coa escusa da ameaza norcoreana. Vencida esta, en boa lóxica, o escudo quedaría desbaratado e o acercamento a Beijing, no marco trilateral con Xapón, sería máis doado. 

 

Kim III

 

O cumio santificou a Kim Jong-un como un perspicaz negociador. E case dun día para outro. As visitas sorpresa a Beijing e Dalian e as consultas co presidente chinés Xi Jinping amosaron a súa activa disposición a participar no xogo do equilibrio de poder internacional, convertendo un cumio tras outro nun gran éxito de relacións públicas. 

 

Kim Jong-un soubo aproveitar a oferta “olímpica” de Moon, logrou a reconciliación con Beijing e vai camiño de normalizar as relacións con EUA. Certo que o escepticismo pesa o seu aínda e só os xestos a seguir darán a medida precisa dos avances logrados. Pyongyang aposta por medidas progresivas con pasos sincronizados que poderían materializarse de xeito significativo ao longo de varios anos. Cada movemento de cada parte esixirá unha contrapartida da outra nunha negociación que será difícil.

 

O escepticismo pesa o seu aínda e só os xestos a seguir darán a medida precisa dos avances logrados

 

Kim mantívose rexo na idea de non aceptar a renuncia da noite para a mañá ao seu armamento nuclear. E Trump aceptou celebrar o encontro en igualdade de condicións obtendo a cambio un compromiso de desarme condicionado.  O descarte da confrontación militar permitirá a Kim impulsar a apertura económica nun país que hoxe non está ao borde do cataclismo como en lustros pasados. O levantamento das sancións e a normalización co Sur e coa China consolidarían o cambio de escenario.

 

Xi

 

China está interesada nunha pronta estabilización da península coreana. Xi Jinping ve con bos ollos a desnuclearización e a sinatura dun Tratado de Paz que garanta a supervivencia a medio/longo prazo dunha península dividida. E quere garantirse un papel substancial nese longo proceso que agora se abre. China quere manter a influencia tradicional no Norte e controlar a influencia de EUA no Sur. 

 

Xi pasou páxina da execución do seu home en Pyongyang, Jang Song-taek, tío de Kim III, lido correctamente como unha mensaxe de independencia. O asasinato do seu medio irmán Kim Jong-nam puidera estar relacionado tamén coa súa proximidade a China. Xi non se acaba de fiar de Kim, como acontece tamén á inversa, pero nos dous encontros mantidos por ambos líderes, Xi trasladoulle a importancia de contar cunha retagarda estratéxica, dando a entender que non quere ver afastarse o seu aliado díscolo, desconxelando as relacións que nos últimos anos atravesaron momentos críticos. Kim III concordou, en principio. 

 

Xi Jinping ve con bos ollos a desnuclearización e a sinatura dun Tratado de Paz que garanta a supervivencia a medio/longo prazo dunha península dividida

 

As prioridades da China para os tempos vindeiros pasan por centrarse no problema de Taiwán e no Mar da China meridional, que constitúen as dúas grandes pezas estratéxicas maiores e nas que deberá encarar os perigos dunha progresiva militarización. As tensións na península coreana quedarían encarreiradas, preferiblemente se resucita o diálogo hexagonal (entre as dúas Coreas, Xapón, Rusia, EUA e China) ou mesmo quedando reducido a catro (sen Rusia e Xapón).

 

Putin e Abe

 

Con Abe expectante, Putin, previo ao cumio, enviou a Pyongyang a Serguei Lavrov, o ministro de exteriores ruso. Moscovo, secundando as posicións chinesas, estaba desaparecido dos radares. A diferenza esencial entre Moscovo e Beijing radica no nivel de influencia nas capitais chave (Washington, Pyongyang e Seúl). O valor á alza é a súa neutralidade, mellor garantida a ollos dos coreanos. É previsible que Putin se encontre con Kim trala reunión de Singapur. O convite está feito e a través del aspira a influenciar nas negociacións futuras. Pyongyang pode apoiarse en Rusia para depender menos da China. Kim pode acceder e de ser o caso, tamén Tokio, o máis atrasado no proceso, podería recuperar o paso. O paraugas do diálogo hexagonal quedaría entón restablecido.

 

En suma, o cumio foi histórico, pero o seu resultado dependerá do moito que queda por resolver. Que non é pouco. E de todo pode pasar aínda. 

 

Xulio Ríos é presidente honorario do IGADI e director do Observatorio da Política Chinesa.



x