A CUP manterá a abstención e facilitará a investidura de Torra

A CUP manterá a abstención e facilitará a investidura de Torra

Non bloqueará a elección do candidato mais advirte que fará oposición ao novo goberno, A formación é crítica con Junts per Catalunya e ERC por “recuar” no camiño cara á independencia.


Quim Torra converterase esta segunda feira no novo presidente da Generalitat. Un posto ao que chegará cos votos favorábeis de JxCat e ERC e coa abstención dos catro deputados e deputadas da CUP, que decidiu este domingo nun Consello Político realizado en Cervera non bloquear a investidura de Torra.

No seo da CUP viviuse nestes días un intenso debate entre partidarios de manter a abstención e partidarios de virar cara ao voto negativo, o que levaría a unhas novas eleccións no caso de non investir ningún candidato antes de expirar o tempo marcado polo propio regulamento.

A formación independentista someteu a votación dos 67 membros que representan as 12 asembleas territoriais e as oito organizacións adxuntas a pregunta que daba opción  de deixar paso a Torra cun Si ou abstención; ou ben optar polo non. Desde a CUP indican que non "bloquean" a candidatura de Torra atendendo ao "momento complexo marcado pola represión e violación dos dereitos civís e políticos por parte do Estado", se ben anuncian que van facer unha "oposición activa durante a lexislatura actual ".

Neste sentido, os anticapitalistas acusan JxCat e ERC de “recuar” en relación á implantación da República, e advirten que non van facilitar o goberno do novo executivo. 



x