VAN DEN EYNDE PIDE A NULIDADE DA CAUSA CONTRA O PROCÉS

A defensa acusa o Estado de empregar contra o independentismo o dereito penal do inimigo

A defensa acusa o Estado de empregar contra o independentismo o dereito penal do inimigo
Van den Eyden
Van den Eyden  

O dereito penal do inimigo é aquel que se aplica a quen se considera alleo a unha determinada comunidade política ou étnica. As persoas que están fóra carecen de garantías de respecto dos seus dereitos fundamentais. Deveu sinónimo do estado de excepción, cunha agravante: a suspensión dos dereitos constitucionais —entre eles a presunción de inocencia— nin sequera se proclama, simplesmente se aplica.  É unha expresión alcuñada en 1985 polo xurista alemán Günther Jakob. A ela apelou esta terza feira Andreu Van den Eynde, avogado de Oriol Junqueras e Raül Romeva, durante a exposición das conclusións definitivas por parte das defensas no xuízo ao procés. Esta cuarta feira a vista ficará vista para sentenza.


Non hai material probatorio dos delitos de rebelión, sedición e malversación dos que son acusados os presos soberanistas porque a causa que se segue contra eles non é xurídica, senón política, veu argumentar Andreu Van den Eynde. O que se persegue non son ilícitos descritos no código penal, senón unha ideoloxía determinada, a que proclama que a nación catalá existe e, como tal, ten dereito a se autodeterminar.

O que hai é unha "causa xeral" contra o independentismo como ideario, proclama Van den Eynde, polo que o letrado demanda a nulidade do proceso.

Todo tería comezado en 2015 cando a Fiscalía da Audiencia Nacional tería posto en andamento pesquisas sobre a declaración de soberanía pactada 9 de novembro daquel ano por Junts pel Sí (naltura coalición de ERC e a antiga Convergència) e a CUP. As investigacións alcanzarían directamente o "Govern da Generalitat" polo simples feito de estar xestionado por forzas independentistas.

Boa proba de que se estaría a aplicar o Dereito Penal do Inimigo é a forma en que se ten desconsiderado a presunción de inocencia dos acusados e, senso contrario, a presunción de veracidade outorgada en todo momento ás forzas e corpos de seguranza do estado. Nese sentido, Van den Eynde colocou no centro da trama Daniel Baena, tenente coronel da Garda Civil á quen responsabilizou da construción de boa parte do relato anti-independentista.

Non houbo alzamento violento e, portanto, non cabe alegar rebelión, enfatizou o letrado, quen voltou a recorrer a un dos argumentos favoritos da defensa: se houbo violencia por que entón o goberno do estado, naltura presidido polo conservador Mariano Raxoi, non declarou o estado de sitio?

E en relación ao 1-O, o día do referendo, xornada marcada polas violentas cargas policiais contra electoras e electores, Van den Eyden só admite a existencia de "tres casos" isolados de accións "reactivas" de cidadás contra as forzas e corpos de seguranza do estado, gromos tan illados que sobre eles non se pode edificar ningunha acusación seria por parte do Ministerio Público.