BRASIL

A defensa de Lula pedirá esta sexta feira a súa liberdade inmediata

A defensa de Lula pedirá esta sexta feira a súa liberdade inmediata
Manifestación hai dúas semanas en Sao Paulo a prol da liberación de Lula da Silva [Europa Press]
Manifestación hai dúas semanas en Sao Paulo a prol da liberación de Lula da Silva [Europa Press]  

A solicitude de excarceración do líder do Partido dos Traballadores baséase na decisión adoptada esta quinta feira, 7 de novembro, polo Tribunal Supremo.


A defensa de Luiz Inácio Lula da Silva solicitará á xustiza a liberdade «inmediata» do ex presidente brasileiro despois de conversar con el esta sexta feira, 8 de novembro, no cárcere onde está preso desde abril de 2018 por corrupción e branqueo de capitais.

A petición de excarceración baséase na decisión adoptada esta quinta feira polo Tribunal Supremo do Brasil (STF), que determinou que a prisión dunha persoa condenada soamente en segunda instancia é inconstitucional.

A decisión, con todo, non é automática. A xuíza Carolina Lebbos podería ordenar a prisión preventiva do ex presidente se o fiscal a solicita e considera que existe risco de fuga do acusado. Non hai unha data límite estabelecida por lei para que se manifeste.

Xira de Lula após a excarceración

De acordo coas informacións de O Globo, así sexa liberado Lula ten previsto viaxar por todo o país para fortalecer a oposición ao Goberno de Jair Bolsonaro, e tamén unha rolda internacional para se reunir con persoeiros que se pronunciaron en contra do seu arresto.

Con todo, o primeiro acto do líder do Partido dos Traballadores tras ser liberado, será en Curitiba, fronte á Superintendencia da Policía Federal, onde está preso, para render homenaxe aos seus seguidores que permaneceron no lugar durante un ano e sete meses.