1.700 PERSOAS DETIDAS, 260 FERIDAS

"Déixenos vivir a nosa vida como nación", responde París ás alusións de Trump aos coletes amarelos

"Déixenos vivir a nosa vida como nación", responde París ás alusións de Trump aos coletes amarelos
Unha das marchas dos coletes
Unha das marchas dos coletes  

O último balanzo oficial do confronto nas rúas entre os coletes amarelos e as forzas policiais deita marcas inéditas nas últimas décadas:  máis de 1.700 persoas detidas e 260 feridas. A crise non pasou desapercibida en Washington. En twitter Donald Trump ligou o descontentamento popular en Francia á aplicación do acordo de París sobre as alteracións climáticas, do que se retirou os Estados Unidos ao chegar o magnate republicano á Casa Branca.


A estratexia de Trump é colocar unha cuña entre o movimento dos coletes amarelos e o Palacio do Eliseo. O presidente dos EUA, tan verboso en twitter como de costume, deslizou nun chío que a insatisfacción popular ten a ver cos efectos da aplicación do Acordo de París sobre as alteracións climáticas.

"Un día e unha noite moi triste en París. Talvez sexa o momento de pór fin ao acordo de París, ridículo e extraordinariamente caro, e devolver o diñeiro á xente por medio dunha redución de impostos", chiou o inquilino da Casa Branca. "O Acordo de París non funciona tan ben para Francia. Manifestacións e disturbios por toda a parte", engadiu.

A resposta desde a capital gala non se fixo esperar e veu da man do ministro de Asuntos Exteriores, Jean-Yves Le Drian, quen este domingo convidou Trump a non se enlear na política interior francesa.

"Díxenlle a Donald Trump, e o presidente da República [Emmanuel Macron] tamén llo dixo: nós non tomamos partido nos debates americanos, déixenos en paz, déixenos vivir a nosa propia vida como nación".

Friccións diplomáticas con Washington á marxe, un cada día máis acorralado Emmanuel Macron tentará esta segunda feira retomar a iniciativa co anuncio de "medidas concretas" e "inmediatas" para tentar desactivar o conflito que enfronta o seu goberno co movimento dos "coletes amarelos".