“Non é lingua de leprosos”: a demanda dunha lei para o gaélico peta na porta da Asemblea de Irlanda do Norte

“Non é lingua de leprosos”: a demanda dunha lei para o gaélico peta na porta da Asemblea de Irlanda do Norte

Escolares norirlandeses manifestáronse perante Stormont para reclamar “dereito, respeto e recoñecemento” para a lingua irlandesa nos seis condados da illa baixo dominio de Londres.


Unha lei que dea rango oficial ao gaélico en Irlanda do Norte é a reclamación que estes días levaron ás portas de Stormont, sede da Asemblea de Irlanda do Norte, estudantes de diferentes centros de ensino dese territorio, seis condados da illa baixo soberanía británica. “Estánsenos a denegar dereitos”, denunciaban mentres marchaban após unha faixa na que se reivindicaba, en gaélico e inglés, “Dereito, Respecto, Recoñecemento”.

En 2006 prometeuse unha lei para a lingua irlandesa en Irlanda do Norte como parte do acordo de San Andrés, o pacto acadado en 2006 entre os gobernos irlandés e británico, así como de formacións políticas de Irlanda do Norte, e polo que se devolvía a autonomía a esa zona. Catorce anos despois daquel compromiso, este continúa sen cumprirse no referente ao idioma gaélico.

Nos últimos anos tiveron lugar diferentes mobilizacións e accións para reclamar unha lei para o irlandés.  Segundo o censo do 2011 nos seis condados hai 65.000 persoas que nalgún momento falan gaélico, 4% da poboación. A única protección que até o de agora ten ese idioma en Irlanda do Norte é a que deriva de que o Reino Unido ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

Desde o unionismo tense rexeitado frontalmente calquera pequene avance para este idioma. Un deputado do DUP anunciou en 2015 que trataría calquera petición dunha nova lei do irlandés “como se fose papel de WC” e asegurou que o seu partido non aceptaría unha lei nese sentido.

Situación

En 1840 o 90% de Irlanda falaba gaélico. Na actualidade, apenas 78.000 persoas en toda a illa afirman falar gaélico a diario (sen contabilizar os estudantes dese idioma). Se ben hai enquisas que indican que por volta dun millón setecentos mil habitantes din que teñen coñecementos como para poder falar o irlandés desde organizacións de defensa do idioma relativizan esa cifra: “É máis ben un indicador  de boa vontade”, teñen afirmado desde a Liga gaélica.

Dentro da illa, a situación máis precaria é nos seis condados baixo dominio de Reino Unido, a zona coñecida como Ulster ou Irlanda do Norte. Na mesma é onde están as porcentaxes máis baixas de coñecedores e falantes de gaélico. A oposición durante décadas dos protestantes a calquera mínimo avanzo en dereitos lingüísticos mantivo o irlandés sometido a unha especie de ‘apartheid’. “Lingua de leprosos” cualificou o reverendo Ian Pasley, máxima figura do unionismo, ao gaélico.