Editorial Sermos332: Democracia, soberanía, Venezuela

Editorial Sermos332: Democracia, soberanía, Venezuela

Hai todas as razóns do mundo para condenar o golpe en curso en Venezuela. As razóns da democracia, da legalidade internacional e da defensa da soberanía, do dereito de todo pobo a resolver os seus asuntos sen inxerencias externas. E só hai unha razón para se posicionar cos golpistas, a inclinación xenuflexa perante os designios imperiais da Casa Branca, a subordinación aos intereses da superpotencia norteamericana.

Xuridica e politicamente, as manobras da oposición para derrubar Maduro constitúen un golpe puro e duro, un asalto á constitución do país e ao seu lexítimo presidente. É obvio que a obra bolivariana está lonxe de ser perfecta —o país debería ter procurado alternativas ao monocultivo petroleiro e o partido no poder ter sido máis duro coa corrupción—, mais o chavismo é un movimento profundamente democrático e participativo, cunha inequívoca vocación transformadora. En ningunha democracia occidental existen, por exemplo, os referendos revogatorios e desde logo os apelos feitos desde a oposición aos militares para que se levanten en armas contra o goberno serían tidos como actos de rebelión por calquera poder xudicial europeo: basta ver o proceso que enfrontan os presos políticos cataláns por simplesmente pór unhas urnas.

Nada do que acontece no país caribeño nos pode ser alleo. Ten razón o cónsul Martín Pacheco nunha entrevista neste semanario: hoxe é Venezuela quen está no albo, mañá pode ser calquera país que ouse cuestionar o dominio do imperio.