ELECCIÓNS EUA

Os demócratas recuperan a maioría no Congreso e os republicanos conservan o dominio do Senado

Os demócratas recuperan a maioría no Congreso e os republicanos conservan o dominio do Senado
Foto: realdonaldtrump
Foto: realdonaldtrump  

Os estadounidenses elixían 35 de 100 senadores e 435 cadeiras da Cámara de Representantes. Donald Trump cualificou os resultados do seu partido de "tremendo éxito".


As proxeccións dos resultados das eleccións lexislativas que esta terza feira decorreron en Estados Unidos apontan a que o Partido Demócrata recupera a maioría no Congreso mais o Partido Republicano reforza o seu dominio no Senado.

A Cámara de Representantes, ademais, vai ter máis mulleres, diversidade racial e relixiosa ca nunca. Consiguen acta Alexandria Ocassio Cortez, con 29 anos e situada na esquerda do Partido Demócrata; dúas congresistas musulmanas (unha delas de orixe palestiniano) e Jared Polis, o primeiro congresista abertamente gai. Tamén entra na Cámara Deeb Haaland, a primeira indíxena americana en chegar ao Congreso.

Donald Trump, ao coñecer os primeiros resultados, parabenizouse en twitter dos mesmos: "Tremendo éxito", escribiu. Os republicanos gañaron para o Senado en tres novos estados, que lle arrebataron aos demócratas: Missouri, Indiana e Dakota do Norte. Ademais, o reforzo do dominio no Senado faise grazas a entrada de republicanos moi afíns ás teses de Trump.


Que os demócratas teñan o control da Cámara de Representantes tíralle a Trump o dominio que até o de agora posuía en ambas as dúas cámaras e servirá de dique a algunhas das políticas impulsadas polo presidente estadounidense.


 



x