IGLESIAS PIDE POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO, TRANSFERIDAS ÁS COMUNIDADES AUTÓNOMAS

A disputa polas competencias de traballo dinamita a segunda investidura de Sánchez

A disputa polas competencias de traballo dinamita a segunda investidura de Sánchez
Sánchez, durante o pleno
Sánchez, durante o pleno  

Negociacións case até o último minuto e até durante a sesión plenaria, cun último anuncio sorpresa por parte de Pablo Iglesias desde a tribuna, o de que renunciaba ao Ministerio de Traballo en troca da cesión das competencias sobre políticas activas de emprego, cuxa xestión está transferida ás comunidades autónomas. O certo é que o segundo asalto da investidura de Sánchez foi falido porque o candidato do PSOE, como na terza feira, só obtivo os votos do seu partido e o da formación rexionalista cántabra (124). A súa derrota abre as portas a unhas novas eleccións, o 10 de novembro. Mais hai de prazo até o 23 de setembro para PSOE e Podemos alcanzaren finalmente un acordo.

 

 

 


Non houbo pacto. Sánchez, a Iglesias: "Segue sen entender vostede que fai falta un goberno coherente e cohesionado. Non dous gobernos nun goberno". Iglesias, a Sánchez: "Nas últimas semanas vostedes non se referiron a nós co debido respeito que merece un socio de goberno".

O micro-pleno desta quinta feira visualizou un novo desencontro entre as dúas expresións da esquerda estatal. A abstención de Unidas Podemos inviabilizou a investidura de Sánchez após 48 horas de negociación frenética, as que decorreron entre o pleno da terza feira e o desta quinta. Porén, se ollamos para as propostas e as contra-propostas non se ve por ningures unha diferenza insalvábel, o que permite anticipar que agora se abre un novo período de conversas. Desta volta cun prazo límite, o do 23 de setembro. Se chegada esa altura non hai acordo para a investidura de Sánchez, as cámaras ficarán disolvidas e a controversia acabará por se resolver nunha nova convocatoria, a se realizar o 10 de novembro.

Na mesa da negociación, o PSOE non se moveu da súa última proposta: unha Vicepresidencia social e tres ministerios (Sanidade e Consumo, Vivenda e Igualdade) para Podemos. A escadra morada si relaxou as súas demandas. Comezou forte (Vicepresidencia e cinco ministerios) e paseniñamente foi cedendo, até se colocar en Vicepresidencia social máis tres ministerios (Traballo, Sanidade e Consumo e Ciencia e Universidades). A resposta do PSOE, a apenas dúas horas de comezar o pleno desta sexta feira, foi igualmente negativa.

Se ollamos para as propostas e as contra-propostas non se ve por ningures unha diferenza insalvábel, o que permite anticipar que agora se abre un novo período de conversas. Desta volta cun prazo límite, o do 23 de setembro

Entón aconteceu algo insólito. Durante o propio pleno, desde a tribuna de oradores, Iglesias moveu ficha e alterou a súa proposta. Podemos estaba disposto a renunciar ao Ministerio de Traballo coa condición de obter en troca as competencias sobre políticas activas de emprego. "Esas políticas están transferidas ás comunidades autónomas. Non coñecen vostedes nen as competencias do ministerio que pretendían dirixir", atacou na súa quenda Adriana Lastra, negociadora e portavoz do PSOE, a Iglesias. Fontes de Unidas Podemos consultadas por Sermos esclareceron que "a xestión das políticas activas de emprego están transferidas, mais non a capacidade normativa sobre elas, aínda en mans do Estado".

Hai, portanto, converxencia entre as dúas forzas en que a presenza de Podemos no goberno de coalición se podería sustanciar na fórmula Vicepresidencia + Tres Ministerios. A discrepancia sitúase nas competencias en xogo, nomeadamente nas de emprego.

O último movemento de Iglesias foi, porén, ben visto por Aitor Esteban, o portavoz do PNV, quen desde a tribuna se mostrou moi activo na defensa dun acordo final entre os dous referentes da esquerda estatal. "Se o problema se reducir ás políticas activas de emprego, hai marxe e se non para agora, para setembro", dixo, a avalar o ponto de vista de que a renuncia ao Ministerio de Traballo feita in extremis polo líder de Podemos podería achanzar o camiño para unha entente co PSOE nas próximas semanas.

Tamén moi no seu papel de mediador e de promotor do acordo mostrouse Gabriel Rufián, o portavoz de ERC. "Emprázanos a setembro. Mais haberá setembro?", perguntouse o dirixente republicano.

Rufián coloucouse nunha sorte de equidistancia entre Sánchez e Iglesias, aos que dirixiu reproches por igual. "Foi un erro vetar Pablo Iglesias. O único que conseguiu foi incrementar o prezo", díxolle ao socialista. "Foi un erro, señor Iglesias, non aceptar tres ou catro ministerios. Vostedes teñen catro anos de vida. Catro anos de vida e catro ministerios! É extraordinario. Entren no goberno e demostren durante catro anos que son mellores e cóbreno nunhas futuras xerais", díxolle ao líder morado.

"Se o problema se reducir ás políticas activas de emprego, hai marxe e se non para agora, para setembro", dixo Aitor Esteban

A aposta de Rufián en favorecer a constitución dun goberno progresista no Estado co que interlocutar desde Catalunya non foi secundada por JxCat, cuxa portavoz, Laura Borràs, se mantivo no non a Sánchez. "Vostede é un político preso da súa prepotencia", díxolle a dirixente independentista ao candidato socialista. Quen si estivo na abstención, como xa acontecera a terza feira, foi EH Bildu. Oskar Matute, portavoz da esquerda abertzale, explicou que o sentido de voto do seu grupo non é outro que frear a ameaza da chegada dunha forza fascista á Moncloa.

Canto á dereita estatal, poucas novidades. Casado mantivo un perfil máis centrado, Rivera escribiu un novo capítulo contra a banda de Sánchez e Abascal tentou contentar a parroquia máis ultra, un tanto desinflada nos últimos meses.

Tampouco houbo trocos no taboleiro de marcas: Sánchez non foi capaz de sumar nen un só voto a maiores dos 124 xa colleitados a terza feira (os 123 do PSOE e o sufraxio do deputado rexionalista cántabro). En contra apañou 155 (curioso número que deu pé ao consabido chío de Rufián), en tanto que 67 parlamentares optaron pola abstención.