O PRESIDENTE DOS EUA INDÍCALLE AO ESPAÑOL ONDE TEN QUE SENTAR

O despótico xesto de Trump a Sánchez

O despótico xesto de Trump a Sánchez
Trump indícalle a Sánchez cal é a súa cadeira
Trump indícalle a Sánchez cal é a súa cadeira  

Sánchez procurou un contacto cordial co presidente dos EUA antes de tomar asento na cimeira do G20, en Osaka. Trump concedeulle primeiro uns segundos, mais a seguir, dedo índice do brazo dereito esticado, sinaloulle ao xefe do executivo español a súa cadeira. Sánchez sorriu e sentou.


Sánchez e Trump estreitaron as mans e mantiveron un brevísimo diálogo. Mais o presidente norteamericano rachouno abruptamente e, cun aceno autoritario que calquera manual de diplomacia catalogaría como inapropiado, mandou o seu hómologo español sentar na súa cadeira. Non está previsto que manteñan ningún encontro bilateral.

O lance aconteceu durante o acto de abertura da cimeira do G20, que ten lugar na cidade xaponesa de Osaka.

Fontes da Moncloa restaron importancia ao episodio e quixérono presentar como unha brincadeira, con Trump a lle dicir a Sánchez "tes un bon sitio aí" segundos antes de lle mostrar a cadeira e co presidente español a lle rir a graza. Mais nas imaxes o que se ve é o xesto serio do presidente norteamericano.

O G20 reúne as 20 maiores economías do planeta. Na axenda do evento, o debate sobre o libre-comercio e as tendencias proteccionistas lideradas por Trump. Sen dúbida o momento estelar desta cimeira é a agardada reunión entre o presidente nortamericano e o líder chinés Xi Jinping, coas relacións sino-estadunidenses seriamente tocadas após as medidas adoptadas por Washington contra Huawei.

Trump ve con moitos receos como China lidera neste momento a expansión da tecnoloxía 5G e afronta a cimeira co propósito de lograr que os seus aliados occidentais non dean acceso a Beijing aos seus mercados.

Dentro da UE, o Goberno Sánchez defende que en principio non se poñan vetos comerciais a ningún actor, o que implica manter tamén aberta a porta á tecnoloxía chinesa. De feito, a transnacional británica Vodafone estreou o pasado 15 de xuño o 5G no Estado español en 15 cidades e fíxoo usando a rede de Huawei.