MANIFESTACIÓN O 31 DE DECEMBRO

A Diada de Mallorca, contra a extrema dereita e polos presos políticos

A Diada de Mallorca, contra a extrema dereita e polos presos políticos
Imaxe dunha Diada de Mallorca. Foto: cedida.
Imaxe dunha Diada de Mallorca. Foto: cedida.  

O lema Defensem Mallorca, construïm República presidirá a manifestiación da Diada de Mallorca, esta segunda feira 31 de decembro en Palma. Convocada, desde hai dúas décadas, pola Plataforma 31-D, a mobilización deste ano servirá “para amosar indignación polo crecemento da extrema dereita” e para solicitar a liberación dos presos políticos cataláns.
 


Será o terceiro ano consecutivo -desde que as esquerdas volveron ao goberno nun pacto entre PSOE e Més per Mallorca, coalición de esquerda nacionalista e ecoloxistas- en que a manifestación decorra o derradeiro día do ano.

O 31 de decembro coincide en Mallorca coa Festa de l'Estendard, que conmemora a entrada na illa das tropas da Coroa de Aragón en 1229 e “o nacemento da Mallorca actual”. Para a presidenta da Assemblea Sobiranista de Mallorca, Margalida Miquel en declaracións a Vilaweb, este ano servirá para “a defensa da “democracia, o dereito a decidir e o autogoberno”.

A manifestación da Diada celébrase desde 1978 coa finalidade, segundo explica Miquel, “de dar voz ás entidades mallorquinas que consideran que cómpre o dereito a decidir en moitos aspectos”. Na convocatoria colaboran o Grup Blanquerna, Mallorca Lliure, Associació Sobiranista de Mallorca, Unió Obrera Balear, STEI Intersindical, Més per Mallorca, Esquerra Republicana e Jubilats per Mallorca.