A directora dun instituto demoscópico atribúe o ascenso de Cs ao "españolismo crecente"

A directora dun instituto demoscópico atribúe o ascenso de Cs ao "españolismo crecente"
A onda españolista está a ter unha tradución no campo das predicións demoscópicas
A onda españolista está a ter unha tradución no campo das predicións demoscópicas  

O último barómetro da SER outorga ao partido de Rivera un espectacular incremento de 9 pontos a respeito das eleccións xerais de xuño de 2016. O seu aumento é paralelo ao esfarelamento da base eleitoral do PP. Belén Barreiro, a socióloga que dirixe a empresa responsábel do inquérito, ve no ascenso de Cs un produto do "españolismo crecente".


"O ascenso excepcional de Ciudadanos ten moito que ver co españolismo crecente", afirmou Belén Barreiro nunha entrevista na SER, a emisora que esta terza feira divulgou o último inquérito realizado pola empresa demoscópica MyWorld.

O traballo, feito por vía telemática, mantén o PP como a primeira forza, con 24,5 por cento do voto, 8,5 menos do que en xuño de 2016. O que cede o partido de Rajoy é na práctica o que aumenta o de Rivera, quen aparece como segunda forza, con 22,1 por cento do voto. O PSOE ficaría en terceira praza, con 21,3 por cento e unha perda de 1,4 por cento a respeito das últimas xerais. As noticias son tamén más, mesmo piores, para Unidos Podemos e as confluencias a quen o estudo vaticina un 16,6 por cento, 4,5 pontos menos do que en 2016.

As tendencias serían, por tanto, fulgurante ascenso de Cs, leve queda de PSOE e fortes caídas para o PP e Unidos Podemos.

O PP perdería un terzo do voto de 2016 e o PSOE, un 20 por cento. A formación socialista cae menos en percentaxe final porque obtén bastantes votos procedentes de Podemos. En todo caso, estaríamos, avaliou Barreiro, perante un "movimento excepcional" que tería como causa, alén do "españolismo crecente", o "o optimismo económico e o voto de castigo ao PP". Sobre este último aspecto, esclareceu a directora de MyWorld que en 2016 unha percentaxe importante dos apoios ao PP optaron pola forza conservadora como mal menor para conxurar o perigo dunha eventual vitoria de Podemos. Unha vez que este risco tería desaparecido do horizonte, explicou Barreiro, sectores do eleitorado do PP veríanse agora coas mans libres para castigar o seu partido. A punición sería en forma de voto ao partido laranxa.

Un mesmo grupo, dous inquéritos

Chama tamén a atención a distancia que existe entre este inquérito e o publicado polo diario El País -propiedade de PRISA como a propia Cadena SER- o 13 de xaneiro deste ano. No estudo do diario, feito por Metroscopia, o ascenso de Ciudadanos era aínda maior, ao se empoleirar como primeira forza, con 27,1 por cento (22,1 por cento no traballo de MyWorld). No resto das forzas as oscilacións son leves no caso do PSOE (21,3 Mywordl e 21,6 Metroscopia) e algo maiores nos do PP (24,5 e 23,2) e Unidos Podemos e confluencias (16,6 e 15,1).