Os dous últimos históricos da Revolución saen do Consello de Estado de Cuba

Os dous últimos históricos da Revolución saen do Consello de Estado de Cuba
Díaz-Canel, á dereita, con Raúl Castro, nunha imaxe de arquivo.
Díaz-Canel, á dereita, con Raúl Castro, nunha imaxe de arquivo.  sg

A Asemblea Nacional cubana estrea esquema de Goberno adaptado á nova Constitución e designa o sucesor de Raúl Castro (2008-2018), Miguel Díaz-Canel, como presidente da República até 2023 culminando así o seu peculiar proceso electoral.


Ramiro Valdés, de 87 anos, e Guillermo García, de 91, últimos representantes da xeración que combateu na Revolución, abandonaron esta quinta feira, 10 de outubro, o Consello de Estado cubano en sesión extraordinaria da anovada Asemblea Nacional do Poder Popular, que designou Miguel Díaz-Canel como presidente da República até 2023.

A Asemblea Nacional, parlamento unicameral cubano, estreou esquema de Goberno, adaptado á nova Constitución do país, aprobada en referendo a comezo deste ano. Esteban Lazo foi elixido como presidente de este órgano e do Consello de Estado tamén até 2023, e Ana María Mari Machado como vicepresidenta. O Consello de Estado é o principal órgano da Asemblea Nacional, que exerce o poder lexislativo en Cuba.

Díaz-Canel, enxeñeiro de 59 anos que en 2018 sucedeu a Raúl Castro, terá agora tres meses para designar un primeiro ministro que encabece o Consello de Ministros, así como os gobernadores das 15 provincias, cargos chegados coa nova Constitución e que procuran unha xestión máis descentralizada e eficaz do país. “Os pobres da Terra non podemos perder a dignidade nin ceder ceder ante a ameaza”, afirmou no discurso de toma de posesión do seu cargo.

Cuba está saíndo da recente crise pola escaseza de combustíbel, que levou a medidas de austeridade como o adiamento no pagamento de salarios. Ademais, provocou a paralización do transporte público nas cidades da illa. As sancións do Goberno dos EUA ao envío de combustíbel desde Venezuela explican en parte esta recente escaseza de combustíbel.

Fin do proceso electoral

As deputadas e os deputados da Asemblea Nacional son os encargados de elixir o presidente da República en Cuba. Estes, á súa vez, son elixidos pola cidadanía, que é chamada ás urnas cada cinco anos (cada dous anos e medio, no caso das eleccións municipais).

Todos os cubanos a partir dos 16 anos teñen dereito ao voto, que é universal, secreto e voluntario. Calquera pode ser elixido a partir dos 16 anos para as Asembleas Municipais, e a partir dos 18 para a Asemblea Nacional.

En Cuba só hai un partido que é o Partido Comunista Cubano (PCC), tal e como se aprobou no referendo constituínte, aínda que non participa como tal nas eleccións. As candidatas e os candidatos -e, polo tanto, as deputadas e os deputados- poden ser ou non militantes do PCC. Estes son os que, finalmente, elixen o presidente da República.