EH Bildu chama a se manifestar este sábado en Donostia a prol dunha República vasca

EH Bildu chama a se manifestar este sábado en Donostia a prol dunha República vasca
Momento dun acto organizado por EH Bildu
Momento dun acto organizado por EH Bildu  Marisol RAMIREZ / ARGAZKI PRESS
A esquerda abertzale vive un bon momento —no conxunto de Euskal Herria é a forza con máis presenza municipal após o 28M— e aspira a mostrar músculo social este sábado cunha marcha en favor da independencia. Será en Donostia (18 h). Na presentación da convocatoria, a portavoz Esti Elduaien puxo en valor o carácter estratéxico da converxencia con ERC no Congreso dos Deputados. "Dixemos que íamos parar o trifachito. Iso é o que acabamos de facer en Nafarroa", esclareceu.

O independentismo de esquerdas vasco ve con optimismo o futuro. A perspectiva dun Estado propio en forma de República está "máis perto". "A tendencia dos últimos anos e, sobre todo, a dos últimos meses fainos ser optimistas e observar que cada vez temos máis perto alcanzar o noso obxectivo", dixo Elduaien. "Non hai máis que interpretar os resultados obtidos nas últimas citas electorais", acrecentou.

Nunca como agora a esquerda abertzale se mostrou tan disposta a participar nas dinámicas da política estatal e nese sentido Elduaien exteriorizou a satisfacción que produce en EH Bildu a entente con ERC no Parlamento español. Esa alianza, dixo, vai ser "determinante". 

Elduaien trouxo á tona a evidencia de que mentres "o independentismo de esquerda vasco non deixa de crecer", o Estado español está sumido "nunha profunda crise estrutural". A dereita máis ultra sería a que "antes leu esta situación". "Quitaron as caretas para nos diciren que o seu único obxectivo é manter unha España unida", alegou.