Emilio Botín e Fernando Alonso entre os nomes da 'listaxe Falciani'

Emilio Botín e Fernando Alonso entre os nomes da 'listaxe Falciani'

O documento saca á luz as estratexias empresariais empregadas por 106 mil persoas físicas e xurídicas para ocultar 78.000 millóns de euros através da banca suíza.


Sesenta medios de comunicación de todo o mundo publicaron a listaxe de persoas físicas e xurídicas que empregaron a filial suíza do Hong Kong Shanghai Bank (HSBC) para ocultar diñeiro. Trátase de 106.000 procedentes de 203 países distintos que posuían en total 78.000 millóns de euros agochados en paraísos fiscais. 

Entre elas, 4 mil persoas vencelladas ao Estado español con saldos superiores aos 1.800 millóns de euros. Entre os nomes máis sonados da listaxe publicada atópanse o banqueiro Emilio Borín, presidente do Banco Santander até o seu pasamento; o rei marroquí Mohamed VI, o corredor de Fórmula 1 Fernando Alonso, o moteiro Valentino Rossi, a cantante Tina Turner ou o que foi quinto presidente das Nacións Unidas, o peruano Javier Pérez de Cuéllar. 

Testaferros e empresas pantasma para ocultar millóns de euros

En 2013 a Audiencia Nacional española sinalou a respeito da documentación achegada polo ex-informático do HSBC, Hervé Falciani, que os fondos reflectivos nela supuñan "patrimonios agochados ou opacos ao erario público". Neste senso, a coñecida como 'listaxe Falciani' evidencia as estratexias empresariais desenvolvidas polas máis de 100 mil fortunas para levar a cabo esa ocultación. 

Así, desenvolvíanse entramados empresariais valéndose de [email protected], testaferros e empresas pantasma afincadas en paraísos fiscais para evitar o pagamento de impostos nos países de orixe ou domicilio fiscal. Mais tamén, para agochar diñeiro procedente de actividades delictivas e ilegais como a venda dos denominados diamantes de sangue --procedentes de países en conflito-- a comercialización de armas ou mesmo de drogas.