Os confrontos marcan a terceira xornada de protestas contra a sentenza do 'procès'

Os confrontos marcan a terceira xornada de protestas contra a sentenza do 'procès'
Foto: Nació Digital, Marti Urgell
Foto: Nació Digital, Marti Urgell  
Máis de 40 persoas feridas e 20 detidas nunha noite marcada polos duros confrontos entre grupos de manifestantes e antidisturbios.

A terceira xornada de protestas contra a sentenza do Tribunal Supremo sobre o 'procès' rexistrou un aumento da tensión e a violencia. As rúas de Barcelona foron escenario de duros enfrontamentos entre grupos de manifestantes e antidistubios, enfrontamentos que comezaron ao finalizar unha multitudinaria manifestación a favor dos presos e presas independentistas e que se prolongaron até a madrugada.

Houbo barricadas, vehículos queimados e lanzamento de obxectos e cócteis molotov en puntos da Gran Vía, respondidos pola actuación conxunta de Mossos e Policía Nacional con balas foam, pelotas de goma e o uso dos furgóns policiais como medio para 'embestir' manifestantes.

A capital catalá non foi o único escenario de enfrontamentos, que tamén se produciron noutras cidades, como Girona ou Tarragona (onde unha furgoneta dos Mossos atropelou un manifestante, que tivo que ser hospitalizado).

Pasada a media noite, o president da Generalitat, Quim Torra, interviu de urxencia desde o Palau para rexeitar a violencia, unha chamada que nas horas previas realizaran diversos líderes do independentismo, como Oriol Junqueras ou Carles Puigdemont.

A xornada desta cuarta feira acolleu o inicio de 5 marchas multitudinarias desde outros tantos puntos de Catalunya en dirección a Barcelona para pedir a liberdade dos presos e presas independentistas.