Enquisas sitúan Sinn Féin como segunda forza en Irlanda a catro meses das eleccións

Enquisas sitúan Sinn Féin como segunda forza en Irlanda a catro meses das eleccións

A coligazón gobernante (Fine Gael -democristianos- e Laboristas) sofriría unha perda de apoios, segundo as sondaxes, que sería máis acentuada nos social-demócratas.


O 8 de abril como data tope a República de Irlanda votará para elexir os membros do Dàil Èireann (Parlamento), comicios dos que sairá o executivo que durante os vindeiros 5 anos gobernará a illa (agás os 6 condados baixo dominio británico). Serán as eleccións que poñan o ramo ao ciclo eleitoral que ao longo destes 2014 se viviu nos PIGS ( acrónimo para Portugal Irlanda, Grecia e Estado español) e das que saíron diferentes escenarios.

A cita coas urnas na illa chega após cinco anos, as anteriores eleccións irlandesas foron en 2011, nos que Irlanda sufríu unha forte crise que botou pola chan o mito do 'Trigre celta' e no que o país foi 'rescatado' en troques dun duro programa de recortes e 'austeridade'. “O peor xa pasou e agora estamos na recuperación e saída da crise”. Sónalles esta cantinela? Pois, ao igual que Mariano Rajoy e o PP no Estado español é a que entonan o 'Taoiseach' (primeiro ministro) Enda Kenny e o seu partido, Fine Gael, en Irlanda ao longo deste ano. Bota man de datos macro-económicos para defender unha 'recuperación' que, porén, gran parte da sociedade irlandesa non percebe.

Os comicios en Irlanda poñerán o ramo ao ciclo eleitoral que viviron os PIGS neste 2014: Grecia, Portugal e Estado español

En 2011 as urnas puxeron fin ao goberno do conservador Fianna Fail, que levaba no poder desde 1997. O partido que hiistoricamente dominou a política irlandesa tivo un 17,4% dos votos e 21 asentos, sendo superados de largo polo Fine Gael, con 76 escanos e o 36,1% dos sufraxios. Un importante apoio mais non de abondo para formar goberno, polo que houbo coligazón cos laboristas (37 deputados, 19% dos votos). O Sinn Féin irrompía en 2011 como cuarta forza, cun 9,9% dos sufraxios e conseguindo 14 representantes (nas anteriores eleccións tivera 4). O Parlamento completábase, entre outros, con representantes das 'esquerdistas' AAA (Coligazón contra a austeridade) e de WUA (Asociación dos Traballadores e Desempregados), que sumaron 5 asentos.

Cambios no mapa político, 'ma non troppo'

Nestes 5 anos houbo vagas de recortes e privatizacións, mais tamén importantes mobilizacións e protestos (como as decorridas contra 'a privatización da auga'). As enquisas apontan a cambios no mapa político, mais non tan profundos como os que profetizaban inquéritos e sondaxes a finais de 2013 e comezos de 2014. Nas eleccións europeas de 2014 o gobernante Fine Gael mantíñase como a forza máis votada, mais cun 23% dos votos (13 pontos menos que nas irlandesas de 2011). O Fianna Fail aupábase até o 22,3% (recuperando apoios desde o 'batacazo' sufrido en 2011) e o Sinn Féin andaba no 19%, deixando claro que os tempos de 'marxinalidade' na política institucional da República eran pasado.

A enquisa publicada hai dúas semanas polo 'Sunday Business' aponta que o Fine Gael volverá gañar os comicios, cun 32% dos votos (9 pontos máis que nas europeas e 4 menos que nas irlandesas de 2011). Unha porcentaxe que non lle permitiría gobernar en solitario. E o seu compañeiro de coligazón, os Laboristas, van sofrer -segundo esta sondaxe- un importante correctivo: 9% dos votos (tivera o 20% hai 5 anos). Como segunda forza irrompe o Sinn Féin, que andaría no 19%, na mesma liña que nas europeas e case 10 puntos por riba dos resultados de 2011. O Fianna Fail ficaría no 17 por cento, practicamente igual que nos anteriores comicios irlandeses. A AAA, coligazón anti-austeridade, tería un 3% de apoios nas urnas. Outra sondaxe, a publicada neste mes polo 'Sunday Times', dálle o Fine Gael un 31% e ao Partido laborista un 8%. Sitúa o Fianna Fail como segunda forza, por diante do SF, cun 19% mentres que os republicanos moveríanse no 17%.

O Fine Gael está a recuperar posicións nestes meses, os Laboristas seguen en horas baixas e Sinn Féin e Fianna Fail compiten pola segunda praza

E, unha enquisa máis, o traballo publicado hai unhas semanas polo Irish Times vaticina un laborismo en caída libre (non supera o 7% dos votos), un Fine Gael que pugna por superar o 30% e un Sinn Féin que obtería o 21% dos sufraxios, sendo con diferenza segunda forza. O Fianna Fail tería un 19% e AAA obtería o 3%. Os bos resultados pronogsticados para o SF non deben facer esquecer que as sondaxes dábanlle a comezos de ano por volta do 24% dos apoios, procentaxe que dificilmente acadarían agora.

Gran Coligazón?

En varios medios irlandeses, e á luz dos resultados que apontan estas e outras enquisas, barállase a posibilidade dunha 'Gran coligazón' entre Fine Gael e Fianna Fail para garantir un goberno estábel e unido polo compromiso cos valores europeos. O temor é que poida ficar un escenario no que o Sinn Féin poida ter marxe de manobra para condicionar o goberno da República.