BREXIT

Escocia e Gales cualifican de ditadura o peche do Parlamento

Escocia e Gales cualifican de ditadura o peche do Parlamento
Boris Johnson
Boris Johnson  

A primeira ministra de Escocia denuncia a decisión de Boris Johnson de pechar o Parlamento de Westminster para forzar un Brexit sen acordo. “Isto non é unha democracia, é unha ditadura”, denuncia a líder nacionalista escocesa, Nicola Sturgeon. Desde Gales tamén denuncian este movemento dos conservadores ratificado pola raíña.


“Se o primeiro ministro do Reino Unido pecha o Parlamento de Westminster, fagamos que sexa o Parlamento de Gales quen o abandone”. Desta maneira reaccionou o Adam Price, líder do partido nacionalista galés Plaid Cymru perante a decisión do primeiro ministro do Reino Unido, o conservador Boris Johnson, de pechar o Parlamento de Westminster co obxectivo de evitar que a oposición poida paralizar un Brexit sen acordo coa Unión Europea.

A primeira ministra escocesa e líder do nacionalista SNP, Nicola Sturgeon, mostrouse indignada e asegurou nunha entrevista ao Canal 4 que "pechar o Parlamento para forzar un Brexit sen acordo, sabendo todo o mundo que isto prexudicará a xente do Reino Unido, non é unha democracia, é unha ditadura".

Afirmou ademais a líder escocesa que "se a Cámara dos comúns non era quen de parar os plans de Johnson, entón pasaría á historia como o día en que morreu a democracia parlamentaria", advertiu.

A raíña Isabel II xa aprobou na tarde desta cuarta feira 28 de agosto a petición do xefe do goberno británico

A raíña Isabel II xa aprobou na tarde desta cuarta feira 28 de agosto a petición do xefe do goberno británico, Boris Johnson, para suspender o Parlamento de Westminster antes de que expire a prórroga do Brexit, o 31 de outubro. Tal decisión foi aprobada nunha reunión da monarca con membros do goberno no seu castelo de verán en Balmoral, Escocia.

A data en que se producirá a saída da Unión Europea prevese a 31 de outubro. Como a reunión do Consello da Unión Europea será 17 de outubro, isto implica que de non haber acordo no Brexit entre RU e UE, as e os membros do Parlamento non terán tempo para aprobar leis que poñan freo a unha saída sen acordo.