EN DOUS ANOS

Escocia impulsará un segundo referendo de independencia

Escocia impulsará un segundo referendo de independencia
Nicola Sturgeon, anunciando o segundo referendo no Parlamento
Nicola Sturgeon, anunciando o segundo referendo no Parlamento  

Antes de que remate a actual lexislatura, cuxa fin chegará na primavera de 2021, haberá un segundo referendo sobre a independencia de Escocia. Así o anunciou na tarde da cuarta feira a primeira ministra de Escocia e líder do Partido Nacionalista Escocés (SNP), Nicola Sturgeon.


A primeira ministra escocesa e dirixente do Partido Nacionalista Escocés (SNP, polas súas siglas en inglés), Nicola Sturgeon, anunciou na tarde da cuarta feira no Parlamento que promove un novo referendo sobre a independencia de Escocia. Sinalou que a consulta “é a nosa ruta para evitar o peor dos danos que causará o Brexit”, coa saída do Reino Unido da UE.

Así, como parte do proceso cara a posíbel independencia, o Goberno escocés presentará na Cámara de Edimburgo a nova lei que amparará a realización do referendo, que tería lugar, segundo anunciou a primeira ministra, antes de que conclúa a lexislatura actual, que finaliza na primavera de 2021.


“Hai que ofrecer unha elección entre o Brexit e o futuro dunha Escocia independente como nación europea durante este mandato parlamentar”, salientou na Cámara. O proxecto precisará o aval do Goberno británico.

“Unha vez que a lei se aprobe, só será necesaria a transferencia de poderes a través da Section 30 [o mesmo procedemento que se empregou para o referendo de 2014 e mediante a cal Londres cedeu de maneira temporal a Edimburgo a competencia para realizar consultas] para iniciar a votación sobre a independencia”, afirmou o Goberno escocés nun comunicado de imprensa.

Depende da primeira ministra británica, Theresa May, a cesión da potestade para realizar o referendo. Unha consulta á que o seu predecesor, David Cameron, deu luz verde en 2014.

O anuncio de Sturgeon non sorprendeu ao pobo escocés, pois en anteriores ocasións xa puxera de manifesto a súa intención de convocar unha nova consulta, especialmente após o si á saída do Reino Unido da UE no referendo de 2016. Un referendo en que Escocia se pronunciara de maneira maioritaria a favor de ficar no grupo dos 28.

O SNP xa activou a campaña a favor da independencia nunha páxina web, cunha conta de Twitter e cun vídeo en que participa a primeira ministra e líder do partido.

 

No referendo de 2014 o non á independencia impuxérase cun 55% dos votos, fronte ao 45% do si. Un dos principais argumentos das persoas defensoras do non durante a campaña foi a incerteza perante unha eventual saída dunha Escocia independente da UE. Agora a independencia formúlase como unha opción para ficar no clube europeo.