SALMOND AGRADECE O "INCRÍBEL APOIO" DADO AO SI

Decisión escocesa: 55,3% NON, 44,7% SI

Decisión escocesa: 55,3% NON, 44,7% SI

Escocia exerceu o dereito a decidir e fíxoo a favor de ficar no Reino Unido. A participación foi masiva, histórica, o 84,6% do eleitorado. O NON impúxose por case 11 pontos: 55,3% face o 44,7%.


(noticia en actualización)

13:00

O presidente de Catalunya, Artur Mas, afirma que "o que vimos en Escocia é o camiño, o bo camiño, o único camiño para resolver conflitos e difefencias". O president sinalou que "o proceso catalán continúa" e que votar "non divide, une. O que separa é non poder votar". 

12:10

Analistas comezan a debullar resultados do referendo. A opción do YES arrasou entre as persoas máis mozas. [email protected] votantes de 16 a 18 anos a independencia foi a escolla do 71% mentres que só un 29% optou polo NON.

11:40

O portavoz do BNG, Xavier Vence, considera que o referendo é unha lección de democracia e permitiu ao pobo escocés exercer o seu dereito a decidir e, por outro lado, supuxo un avance na súa conciencia nacional e no seu nivel de soberanía, tras acadar do Goberno de Londres compromisos moi relevantes para o seu autogoberno. “Un exemplo para todos os pobos e nacións de Europa que aspiran a súa soberanía, e queda claro que non se pode negar un dereito tan elemental como o dereito a decidir”. Vence sinala que “é unha lección de democracia para o Estado español porque mentres os escoceses puideron votar libremente o seu futuro, Madrid está empeñado en impedir a consulta ao pobo de Catalunya.

11:00

A Comisión Europea afirma que a decisión das e dos escoceses no referendo é a axeitada para "facer unha Unión Europea máis forte".

10:30

O presidente español, Mariano Rajoy, parabeniza mediante un vídeo a Escocia por non optar pola independencia. O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, cualifica o triunfo do NON de "boa noticia paea Escocia e Unión Europea".

10:00

O si gañou en catro distritos: Glasgow, Dundee, North Lanarkshire e New Dubartonshire.

9:50

Resultados das Highlands, a última zona que faltaba por recontar. Gaña o Non (53%). O Si consegue o 47%. Non varía apenas o resultado final da consulta, cun 55% de votos a prol de manter a unidade con Gran Bretaña e un 45% pola independencia. A participación foi do 84,6%, a maior entre todos os procesos electorais no Reino Unido desde que a introdución do sufraxio universal en 1918. 

8:32.

Aínda fica por computarse a votación da Highland, 190.778 eleitoras e eleitores, que obviamente non variarán o resultado nacional.

7:20.

Comparece Salmond. Mostra gratitude polo 1,6 millón de votos conquistado pola independencia. Chama á unidade do país.

7:15.

Só falta xa un condado por escrutar: Highland. Voto nacional polo NON: 55,42%. Voto nacional polo SI: 44,58%.

7:05.

Claro trunfo do NON en Edimburgo. 61,10% fronte ao 38,90% do SI. Neste momento, a escala nacional, a vantaxe do NON é de cuase 11 pontos: 55,40% face o 44,60%

6:42.

Alex Salmond agradece en twitter o "incríbel apoio"  recibido polo SI e parabeniza a Glasgow, onde o respaldo á independencia foi maioritario.


6:37.

26 de 32 condados escrutados. A piques de chegar os resultados de Edimburgo. O NON vai gañar. Neste momento, ten 1.397.077 votos (54,30%) face os 1.176.952 sufraxios do SI. (45.70%)

6:21:

Con aínda 8 condados por escrutar, a BBC dá xa por gañador o NON no referendo, prognosticando unha diferenza final de 10 pontos: 55% face o 45%.

6.08 horas.

Conforme vai avanzando o escrutinio, a vantaxe que adquire o NON se vai consolidando e marca unha tendencia que xa parece irreversíbel.

Cando neste momento son as 6.03 h da madrugada, e con case 2,5 millóns de votos escrutados, a diferenza supera os 1.305.388 sufraxios polo NON (o 54,21%) e os 1.102.788 votos polo SI (45,79%). Foron xa escrutados 24 dos 32 condados en que se divide o país.

A percentaxe de participación é un rexisto para a historia: o 84,16% (chegou a superar os 86 pontos cando se levaba escrutado pouco máis dun millón de votos) e ten aspecto de ser unha das chaves do resultado. Os expertos sinalaban, días antes da votación, que o unionismo gañaría se fose capaz de mobilizar o seu eleitorado máis pasivo, o que apenas se ten movido nas rúas de Escocia durante toda a campaña. A teor dos resultados, os unionistas si conseguiron esa mobilización.

O SI pinchou en condados como Dundee ou West Dunbartonshire, onde, embora gañou, o fixo cunha diferenza menor da esperada: o 57,35 % face o 42,65% e o 53,96% face o 46,04%, respectivamente.

Isto é, no que vai de escrutinio, o SI só se apuntou a vitoria en 4 dos 24 condados xa peneirados. O seu triunfo máis significativo produciuse en Glasgow: 53,49% face o 46,51%.