España négase a entregar Leopoldo López, reclamado polo Tribunal Supremo venezolano

España négase a entregar Leopoldo López, reclamado polo Tribunal Supremo venezolano

O goberno de Pedro Sánchez pide a Venezuela que “respecte” a “inviolabilidade” da residencia do embaixador español, onde se atopa López, que non desbota a vía armada para acabar con Maduro.


España non vai entregar Leopoldo López, que está na residencia do embaixador español en Venezuela, a pesar da orde de detención ditada polo Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) contra o opositor por “violar flagrantemente” a súa detención domiciliaria. A xustiza venezolana condenou Leopoldo López en 2015 a 13 anos de prisión por “participar e instigar” manifestacións de 2014 que se saldaron con máis de 40 persoas falecidas.


O goberno español emitiu un comunicado no que anuncia que “non ten intención” de entregar a López e mostrou a súa confianza en que as autoridades de Venezuela “respeten a inviolabilidade da residencia do embaixador español”.


Este opositor está nesa residencia en condición de hóspede e non solicitou asilo político. Para pedilo ten que estar en territorio español. “Non teño medo á ditadura”, dixo Leopoldo López ante xornalistas congregados diante da residencia. “O que pasou esta terza feira é parte dun proceso que sempre se formulou como un primeiro paso, non como un proceso definitivo”, manifestou após negar que o da terza feira fose un golpe de estado.

Golpe de Estado

López, nunha entrevista en EFE, non desbotou a vía armada para sacar do poder Nicolás Maduro. "Nós non desbotamos ningún escenario que estea dentro da Constitución e a Constitución prevé que esa é unha posibilidade. Agardo que non teñamos que chegar a ese punto mais non o desbotamos".