Os Mossos non aceptan o control do Ministerio de Interior

Os Mossos non aceptan o control do Ministerio de Interior
[Imaxe: Ministerio do Interior] Diego Pérez de los Cobos
[Imaxe: Ministerio do Interior] Diego Pérez de los Cobos  

[ACTUALIZACIÓN ÁS 18.20 ] Aínda que o Ministerio do Interior vén de asegurar que “non se retira ningunha competencia” aos Mossos, o Goberno asumiría de facto o control sobre os Mossos co obxectivo de impedir o 1-O. Porén, apenas unhas horas após a reunión entre corpos policiais que tivo lugar este sábado, os Mossos din que non aceptarán a inxerencia do Estado.


O fiscal superior de Catalunya, José María Romero de Tejada, comunicoulle na mañá do sábado por escrito ao major dos Mossos d’Esquadra, Josep Lluís Trapero, a orde segundo a cal a policía catalá pasará a estar controlada polo goberno até o 1 de outubro, día en que terá lugar o referendo.

A entrega tivo lugar após a reunión da pasada quinta feira, en que Trapero se opuxera á intención do Estado de tomar o control dos Mossos. O responsábel da policía catalá presentou unha alegación para o evitar, ao considerar que é unha extralimitación, xa que a orde pública en Catalunya está controlada e a coordinación dos corpos policiais non é unha competencia da Fiscalía.

O fiscal sitúa Diego Pérez de los Cobos, coronel e alto cargo do Ministerio do Interior, como director técnico de todo o operativo que tratará de evitar o referendo. Para a Generalitat, trátase doutro exemplo da estratexia de suspensión encuberta da autonomía, mentres que o Ministerio do Interior asegura que “non se lle retira ningunha competencia” aos Mossos, senón que se trata dun “mecanismo de coordinación”.

Ao concluír a reunión de representantes dos corpos policiais na mañá do sábado, o conseller de Interior, Joaquim Forn, anunciou cunha breve declaración insititucional que os Mossos non aceptan o control por parte do Estado, "non aceptan a inxerencia do Estado. Salta todos os órganos que o marco xurídico actual dispón para coordinar a seguridade en Catalunya". Aliás, a través de Twitter, os Mossos sinalaron que "continuaremos traballando como até o de agora: exercendo as nosas competencias para garantir a seguridade e a orde pública e estar ao servizo do cidadán".

Na sexta feira, o conseller de Interior Joaquim Forn, xa se amosara contundente na defensa das atribucións dos Mossos. “Non o aceptaremos”, salientaou ante os medios de comunicación, após explicar que se trataría dunha “clara vulneración” das competencias da Generalitat. “Provocaríase unha situación excepcional e especialmente grave”, afirmara o número un da consellaría.