DÉBEDA COA GALIZA

O Estado cualifica de "campañita" as queixas dos gobernos autonómicos polo financiamento

O Estado cualifica de "campañita" as queixas dos gobernos autonómicos polo financiamento
José Guirao [Imaxe: RTVE]
José Guirao [Imaxe: RTVE]  

O ministro de Cultura e Deporte en funcións, José Guirao, menosprezou as críticas dos gobernos autonómicos ao Estado por mor do financiamento e cualificounas de “campañita poítica”.


Antes de entrar nunha reunión co presidente do goberno do Estado en funcións, Pedro Sánchez, o ministro José Guirao declarou que as críticas dos gobernos autonómicos ao central por mor do financiamento eran froito dunha “campañita política”.

Guirao remontouse á etapa do goberno do PP en 2016, cando estaba ao mando do Estado un Mariano Raxoi en funcións. Daquela, asegurou Guirao, o goberno conservador usou ese mesmo argumento, o da falta de financiamento como consecuencia de non ter un executivo en plenas funcións, para presionar o PSOE para que se abstivese e permitise a investidura de Raxoi.

O ministro de Cultura e Deporte en funcións afirmou que co PP "sempre  ocorre" o mesmo, e sinalou que “cando está no goberno reclama lealdade á oposición, mais cando abandona o poder xa non fala de lealdade”.

A semana pasada, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixía a Alberto Núñez Feixoo que “tomase nota” de Catalunya e que apresentase un recurso xudicial contra o Estado co obxectivo de que o goberno central pagase os 700 millóns de euros que debe a Galiza. Pontón suma ademais a  esta  reclamación,  o pago de 2.000 millóns en compensación pola falta de investimentos durante os últimos anos e 200 millóns para a dependencia.