O Estado mexicano de Oaxaca despenaliza o aborto

O Estado mexicano de Oaxaca despenaliza o aborto
Mulleres celebran no congreso de Oaxaca (México) a despenalización do aborto. Foto: @sofyvaldivia.
Mulleres celebran no congreso de Oaxaca (México) a despenalización do aborto. Foto: @sofyvaldivia.  
Oaxaca converteuse esta cuarta feira 25 de setembro na segunda entidade de México, 12 anos despois da capital, en despenalizar o aborto. O Estado, de case catro millóns de habitantes e situado no sur do país, permitirá a interrupción voluntaria do embarazo durante as 12 primeiras semanas de xestación.

Nos Estados Unidos Mexicanos só o aborto por violación é legal en todo o territorio. A partir de agora só en México D. F. e en Oaxaca será posíbel pola vontade da muller. Noutras zonas é causal, con motivos como o risco para a vida, para a saúde, alteracións graves no feto ou razóns socioeconómicas. En México, o aborto inseguro é a cuarta causa de morte entre as nais. Malia esa situación, na maior parte dos Estados as mulleres son criminalizadas por interromper os embarazos.

O Congreso do Estado de Oaxaca, conformado por 42 deputadas e deputados, aprobou a medida con 24 votos a favor e 10 en contra. Na maioría que defende a despenalización do aborto atópanse Morena -a organización de esquerda do actual presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador- e o Partido do Traballo -socialista de esquerda. En contra votaron o PRI, o dereitista Partido de Acción Nacional e Encuentro Social -conservadores, aínda que apoiaron a López Obrador a nivel nacional.