Estudantes desobedecen o sistema de ensino francés e fan o exame de matemáticas en bretón malia estar prohibido

Estudantes desobedecen o sistema de ensino francés e fan o exame de matemáticas en bretón malia estar prohibido
Algúns dos e das estudantes que realizaron o exame en bretón.
Imaxe: Captura de France 3 Bretagne
Algúns dos e das estudantes que realizaron o exame en bretón. Imaxe: Captura de France 3 Bretagne  

Arríscanse a suspender a proba por responder na súa lingua, e lingua propia de Bretaña, e non en francés, como é obrigatorio. Son estudantes da vila de Karaez, no departamento de Fisterra.


Facer as probas de bacharelato de matemáticas en bretón é un acto de desobediencia civil que pode implicar que o teu exame non sexa nin sequera corrixido e suspendas a materia. Porque na Bretaña esa proba ten que facerse en francés. Algo ao que se negaron o ano pasado quince estudantes de Karaez, una pequena vila de 10.000 habitantes no departamento de Fisterra, e cuxo testemuño recollen este ano outras 14 alumnas e alumnos da mesma localidade. Fixeron a proba en bretón contra o consello expreso do Reitorado de que a fixesen en francés.

Segundo recollen diversos medios como France 3 Bretagne, un dos estudantes, Sterenn Cueff, explicou que “non é normal” que non se poida facer ese exame en bretón. Lembrou que no País vasco francés “os estudantes educados en euskera poden facer ese exame en vasco. Nós, non”.

Son estudantes da rede Diwan, escolas onde hai inmersión lingüística en bretón e que levan funcionando máis de 40 anos. Desde crianzas estudiaron en bretón mais non poden empregar a súa lingua neste exame, una barreira que optaron por desafiar.

Había convocada unha manifestación de apoio e solidariedade para con estes e estas estudantes para este sábado mais tivo que ser desconvocada por cuestións organizativas. Estase procurando nova data para a mobilización.