Unha anotación de John Bolton deixa entrever que os EUA sopesan unha agresión militar en Venezuela

Unha anotación de John Bolton deixa entrever que os EUA sopesan unha agresión militar en Venezuela

Por descoido ou non, un cartafol en mans do asesor de seguranza dos EUA, John Bolton, anunciou esta segunda feira que Washington manexa a previsión de enviar 5.000 soldados a Colombia.


John Bolton é un falcón na Casa Branca e está chamando o Exército venezuelano a retirar o apoio a Nicolás Maduro. Tamén o fai Juan Gaidó, presidente da Asemblea Nacional, quen promete unha amnistía aos militares que se sumen ao golpe patrocinado polos EUA.

O uso da forza armada para derrubar Maduro é un factor máis na ecuación golpista. Washington tería o apoio inequívoco de Brasilia desde a chegada ao poder do ultra Jair Bolsonaro, quen mesmo ten feito as beiras á hipótese de permitir aos EUA instalar unha base militar en solo brasileiro.

Bolton compareceu co secretario do Tesouro, Steven Mnuchin, na conferencia de imprensa en que os altos cargos da Casa Branca anunciaron a conxelación dos fondos da petroleira estatal venezuelana depositados nos EUA, por volta de 6.100 millóns de euros.

O secretario de Seguranza portaba un cartafol con follas de cor amarela perfeitamente visíbel para as cámaras fotográficas. Nel aparecía escrita a anotación 5.000 soldados a Colombia, captada por un fotoxornalista de Reuters. Por riba desa frase Bolton escribira "Afganistán, benvidas ás negociacións", en relación ás conversas da Administración Trump cos talibáns.

Porén, proba de que os planos militares para Venezuela poden estar nunha fase aínda embrionaria é a resposta de Bogotá. O chanceler colombiano, Carlos Holmes Trujillo, dixo, nunha declaración lida, a que se podía referir a anotación de Bolton.



x