Os EUA envían tropas a Oriente Medio para ameazar o Irán

Os EUA envían tropas a Oriente Medio para ameazar o Irán
[Imaxe: VtactualCOM] Donald Trump.
[Imaxe: VtactualCOM] Donald Trump.  

O presidente dos EUA, Donald Trump, vén de informar da autorización ao Pentágono para enviar máis tropas en Oriente Medio, uns 1.500 efectivos. Trátase dunha nova presión sobre o Irán.


A tensión entre os EUA e o Irán dá un paso máis após coñecerse o envío de 1.500 militares estadounidenses a Oriente Medio. Tamén enviarán un batallón do sistema antiaéreo Patriot e mais un escuadrón de cazas e avións de recoñecemento.

Ademais, o secretario de Estado dos EUA, Mike Pompeo, confirmou a aprobación de 8.100 millóns de dólares en transferencias de armas a Arabia Saudita, Xordania e os Emiratos Árabes Unidos, aliados dos estadounidenses no golfo pérsico. A xustificación desta nova ameaza é, segundo Pompeo, “disuadir a agresión iraniana”.

Desde principios de maio, os EUA escudáronse en que os seus intereses e o dos seus aliados se ven prexudicados ante unha “ameaza críbel” do Irán, sen daren máis dados. Foi neste mes cando Trump comezou a reforzar o seu continxente militar na zona.

O presidente iraniano, Hasán Rohaní, puxo de manifesto que a guerra que promoven os EUA é económica e que non existe ningunha ameaza militar por parte do Irán.

O aumento da tensión entre ambos os países coincide co primeiro aniversario do abandono do pacto nuclear de 2015 por parte dos EUA. Desde ese abandono, o Goberno de Trump reactivou as sancións contra o Irán e instou os países de todo o mundo a deixaren de comprar petróleo iraniano baixo ameazas de castigos.