SUSPENSIÓNS

A eurocámara impide o acceso a Puigdemont e o Senado suspende a Romeva

A eurocámara impide o acceso a Puigdemont e o Senado suspende a Romeva
Puigdemont e Comín
Puigdemont e Comín  

O Parlamento Europeo impediu o eurodeputado eleito Carles Puigdemont e o ex conseller Toni Comín acceder á eurocámara para recoller a acreditación do seu escano. Todo indica que a decisión débese ás presións exercidas polo PP no Partido Popular Europeo. No Estado español, a mesa da cámara alta suspendeu os dereitos do senador de Esquerra Raül Romeva.


A eurocámara non permitiu o acceso aos dous deputados eleitos pola candidatura Junts ao Parlamento Europeo, Carles Puigdemont e Toni Comín. Xornalistas en Bruxelas indican que a decisión parte do presidente da cámara, Antonio Tajani, e da secretaria xeral, Klaus Welle da alemá CDU, en resposta ás presións do PP para que os dous políticos exiliados non poidan exercer o seu escano.

Puigdemont adiantou que presentará un requirimento contra o presidente do Parlamento Europeo e a secretaría xeral da cámara

O número un da candidatura Junts, Carles Puigdemont, adiantou que presentará un requirimento contra o presidente do Parlamento Europeo e a secretaría xeral da cámara pola súa acción, xa que segundo denunciou, non se basean en ningunha razón legal, e por tanto trátase dunha discriminación pura. A razón que se lles esgrimiu é que sen a comunicación do Estado membro ou a acta que entrega o Estado español non poden entrar. Porén, a eurodeputada Diana Riba, número dúas por Esquerra na candidatura Agora Repúblicas, non foi impedida para recoller a súa acreditación a pesar de non contar coa comunicación española, ao igual que deputados de Ciudadanos.

O Senado tamén suspende a Raül Romeva co único voto en contra do PNV

Ao igual que aconteceu a pasada sexta feira no Congreso, agora é a Mesa do senado quen suspende o senador de Esquerra Republicana de Catalunya, ex conseller e preso político Raül Romeva.

Seis dos sete membros da mesa, pertencentes a PP e PSOE, votaron a prol da suspensión

Seis dos sete membros da mesa, pertencentes a PP e PSOE, votaron a prol da suspensión de Romeva e só o senador jetzale Imanol Jáuregui votou en contra.

A portavoz da cámara alta e presidenta do PSOE, Cristina  Narbona, explicou que a suspensión ten efecto inmediato e carácter retroactivo.

Esquerra ten cinco días para decidir se quere reconfigurar o seu grupo parlamentario no Senado, pois sen Romeva iría ao mixto após ter cedido catro escanos a JxCat para que a formación de Puigdemont si puidese constituírse en grupo propio.