Evo chama "criminal" a Obama e anuncia unha demanda contra os EUA

Evo chama "criminal" a Obama e anuncia unha demanda contra os EUA
Evo Morales
Evo Morales  

Os EUA negaron a Maduro o permiso para sobrevoar Porto Rico na súa viaxe a China. A hostilidade de Washington co movimento bolivariano recrúase por momentos. Evo Morales non perdeu tempo e saíu ao contra-ataque. Anunciou unha demanda contra os EUA por crimes contra a Humanidade. O 24 de Setembro vaise realizar en Nova Iorque a Asemblea Xeral da ONU. A día de hoxe, Morales non cre que os EUA garantan a seguranza dos presidentes latinaomericanos en solo norteamericano.


De acordo co presidente de Bolivia, os Estados Unidos violaron diversas leis internacionais ao prohibir o voo de Maduro sobre Porto Rico, en concreto citou a Declaracion universal dos Dereitos Humanos, o Pacto de Dereitos Civís e Políticos, a Convención sobre Misións Especiais e a Convención de Viena sobre relacións diplomáticas.

A tensión entre Washington e os Estados aliñados coas teses bolivarianas medra por momentos, despois dos incidentes con Evo Morales -o seu avión proveniente de Moscova foi desviado do seu curso en Europa occidental por presións norteamericanas, ao temer que con Morales viaxase Snowden- e con Nicolás Maduro, ao que a Administración Obama impediu sobrevoar Porto Rico no seu voo a Beijing.

Espionaxe masiva

O presidente de Bolivia une estes incidentes á espionaxe masiva á que os EUA submeten ao mundo, e mesmamente aos seus aliados europeus. Neste sentido, Morales saudou a atitude da presidenta de Brasil, Dilma Roussef, quen cancelou unha recente viaxe aos Estados Unidos para patentizar o seu malestar por ter sido espiada polos servizos de intelixencia norteamericanos.

Nunha conferencia de imprensa realizada en La Paz, Evo Morales anunciou unha "demanda" perante órgaos internacionais para "que Obama e o seu goberno sexan xulgados por delitos de lesa humanidade".

Sobre se os Estados do Alba irán á Asemblea Xeral da ONU: "Ou vamos todos ou ningún"

"É o mellor instrumento legal para defender os dereitos de todo o mundo, dereitos dos pobos e dos estados", dixo Evo, quen reprochou aos EUA "a súa soberbia e a súa prepotencia". "Segue humillando non só a presidentes, a gobernos anti-imperialistas, senón inclusive aos seus propios aliados con espionaxe", engadiu.

Nun ataque de inusitada dureza, Morales espetou: "O presidente Obama é un criminal que atenta contra a vida, contra os dereitos e contra as normas internacionais".

Non foi moi preciso sobre que tipo de demanda formulará Bolivia contra os EUA, nen tampouco en que foro, se ben das súas palabras cabe inferir que procurará aliados no Celac (Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe), en Unasur, na Alba ou mesmo no G77+China.

Inquerido a respeito de se vai propor un plante dos Estados do Alba na reunión da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, que se irá realizar apartir do 24 de Setembro en Nova Iorque, dixo: "Ou vamos todos ou ningún".