O ex avogado de Trump, disposto a declarar todo o que sabe sobre a conexión rusa

O ex avogado de Trump, disposto a declarar todo o que sabe sobre a conexión rusa
Trump, na cerimonia do seu xuramento como presidente
Trump, na cerimonia do seu xuramento como presidente  

Continúan as más novas para o presidente dos EUA. Michael Cohen oferécese a colaborar con Robert Muellen, o fiscal especial que investiga as hipotéticas interferencias de Moscova nas eleccións presidencias de 2016. Cohen rexeita un eventual indulto de Trump, anuncia o seu avogado, Lanny Davis.


Cohen declarou esta mesma semana que por indicación de Donald Trump pagou diñeiro a dúas das súas amantes para que non contasen nada á imprensa. A xustiza pode considerar os pagamentos como contribucións ilegais á campaña electoral. 

O ex avogado de Trump  —traballou para o magnate por espazo dunha década— asumiu a súa responsabilidade nun interrogatorio con axentes do FBI e o seu horizonte é a prisión pola comisión de delitos electorais. A resposta de Trump é que el pagou ese diñeiro do seu peto —e non dos fondos da súa campaña— e que Cohen só di o que di para, mediante á colaboración coa xustiza, rebaixar a súa pena.

En todo caso, a confesión de Cohen non o afastará presumibelmente da cadea. Porén, o ex home de confianza de Trump renuncia por anticipado á perspectiva de ser indultado polo presidente. "Nunca aceptaría o perdón dalguén que actuou de xeito tan corrupto", dixo Lanny Davis.

O problema para Trump é que, alén das súas manobras para tapar un escándalo sexual, Cohen estaría disposto a prestar testemuño perante Robert Muellen sobre as interferencias rusas na campaña de 2016.

A presión sobre o presidente dos EUA intensifícase, pois, a poucos meses das decisivas eleccións de novembro á Cámara de Representantes. Se nelas o Partido Demócrata consegue a maioría, estarían dadas as condicións para se abrir un proceso de impeachment (destitución) do presidente, acusado no mínimo dun cargo de financiación ilegal da campaña (un delito federal). Nese sentido, a líder da minoría demócrata no Congreso, Nancy Pelosi, declarou esta terza feira que vía Trump nun "grave risco" legal.



x