ESTABA INVADIDA POLO DAESH

O Exército sirio conquista a cidade histórica de Palmira

O Exército sirio conquista a cidade histórica de Palmira
[Wikipedia] Ruínas en Palmira
[Wikipedia] Ruínas en Palmira  

Case un ano após a invasión terrorista na cidade de Palmira, o Exército sirio, axudado por Hezbolá, Irán e Rusia, logrou reconquistar por completo o terreo e anticipa “o principio da fin do Daesh (Estado Islámico).


O Exército sirio tomou o control de toda a cidade tras a batalla antiterrorista contra o Daesh (Estado Islámico), segundo informan este domingo medios oficiais de Siria e o Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos. Foi a pasada quinta feira cando os militares sirios –axudados por Hezbolá, Irán e Rusia- iniciaron a ofensiva e conseguiron arrebatar aos terroristas os puntos estratéxicos da cidade, mais non foi até este domingo cando conseguiron facerse por completo con toda Palmira.

O Daesh invadiu a simbólica cidade en maio de 2015. A súa reconquista supón a recuperación dun punto estratéxico para acceder ao bastión de Raqqa, onde o Daesh estabeleceu a capital do autoproclamado califato.

O grupo terrorista destruíu en Palmira numerosos elementos patrimoniais protexidos e saqueou reliquias de milleiros de anos de antigüidade. O Goberno sirio xa se comprometeu a reconstruír os templos destruídos, “reconstruiremos coas pedras que aínda seguen en pé. Imos devolverlle a vida a Palmira”, sinalou o Goberno.