ESCOCIA

Exteriores cesa o cónsul en Edimburgo por negar o veto a unha Escocia independente

Exteriores cesa o cónsul en Edimburgo por negar o veto a unha Escocia independente
O cónsul español coa primeira ministra de Escocia [Imaxe: @ScotGovFM]
O cónsul español coa primeira ministra de Escocia [Imaxe: @ScotGovFM]  

O cónsul español en Escocia foi cesado de forma fulminante polo Ministerio de Asuntos Exteriores do Estado español. O motivo é unha carta publicada no diario The Herald en que o diplomático negaba que o goberno de Sánchez fose vetar a entrada dunha Escocia independente na Unión Europea.


Unha chamada telefónica do Ministerio de Asuntos Exteriores, con Josep Borrell á súa fronte en funcións, comunicou o cesamento inmediato ao cónsul español en Escocia, Miguel Ángel Vecino Quintana.

O motivo está nunha carta que o diplomático residente en Edimburgo publicou no xornal The Herald of Scotland o pasado 16 de abril e que este seis de xuño fixo tamén publica o diario The National. Na misiva, Vecino aseguraba que o goberno español non vetaría a entrada de Escocia como país independente na Unión Europea “sempre que consiga a independencia por vías legais".

"O Goberno español non interveu e nunca intervirá nos asuntos internos do Reino Unido ou de calquera outro Estado e espera a mesma actitude recíproca", escribiu o diplomático

"O Goberno español non interveu e nunca intervirá nos asuntos internos do Reino Unido ou de calquera outro Estado e espera a mesma actitude recíproca", escribiu o diplomático en resposta ao eurodeputado do PP Esteban González Pons, quen días antes anunciou que España non permitiría unha Escocia libre na UE. Esa posición "é responsabilidade exclusiva del e do seu partido e non do goberno español en absoluto", retrucou o diplomático Vecino Quintana no The Herald.

 

Escocia impulsará novo referendo

A primeira ministra escocesa e líder do Partido Nacionalista Escocés (SNP), Nicola Sturgeon, asegurou o pasado mes de abril que antes do ano 2021 habería un segundo referendo sobre a independencia de Escocia.

En relación á Unión Europea, sinalou que a consulta “é a nosa ruta para evitar o peor dos danos que causará o Brexit”, coa saída do Reino Unido da UE.

Nicola Sturgeon asegurou o pasado mes de abril que antes do ano 2021 habería un segundo referendo sobre a independencia

Na senda soberanista, o goberno escocés presentará na Cámara de Edimburgo a nova lei que amparará a realización do referendo, que tería lugar, segundo anunciou a primeira ministra, antes de que conclúa a lexislatura actual, que estaba previsto finalizar na primavera de 2021, aínda que este anuncio foi realizando previo a coñecerse a demisión de Theresa May que altera o calendario electoral.