VALORACIÓNS DO PREACORDO

Feixoo, Cs e ex líderes do PSOE apostan pola ‘gran coalición’

Feixoo, Cs e ex líderes do PSOE apostan pola ‘gran coalición’
Alberto Núñez Feixoo (Xunta)
Alberto Núñez Feixoo (Xunta)  

O presidente da Xunta asegura que Casado falaría co PSOE para unha «gran coalición» se «alguén puidese parar dentro do PSOE» o preacordo con Unidas Podemos e as conversas cos nacionalismos. Cs quere alcanzar un goberno con PSOE-PP-Cs, opción que tamén defenden antigos dirixentes do PSOE.  


De erro histórico cualificou Alberto Núñez Feixoo o preacordo alcanzado por PSOE e Unidas Podemos e que precisa dos nacionalismos para garantir a investidura. Prodúcese, segundo verbalizou, «no peor momento de España desde o punto de vista territorial e ante unha enorme incerteza económica».

Ante isto, a denominada «gran coalición» que englobaría PSOE, PP e Cs, é para Alberto Núñez Feixoo a opción preferente para «desbloquear» o Goberno do Estado español.

Desta maneira, o presidente do Executivo galego insistiu esta quinta feira, 14 de novembro, na súa proposta de chegar a un consenso para formar o Goberno do Estado de o PSOE «parar» o preacordo con Podemos no que ademais, o presidente lamentou que os nacionalismos «teñan a chave».

Nese sentido, Feixoo deu por feito que, se «alguén pode parar dentro do PSOE» o preacordo, Pablo Casado falará coa formación de Pedro Sánchez.

Tal e como fixo nas últimas campañas e agora, coa vista posta nunhas eleccións galegas nas que, de reproducírense os resultados das dúas últimas convocatorias das eleccións xerais, perdería o Goberno, Feixoo voltou a realizar un chamamento a unir o voto de dereitas nas siglas do Partido Popular.

Desta maneira, o presidente apelou as e os votantes de Vox e Ciudadanos, forzas que non obtiveron representación pola Galiza no 10-N, a que confíen no PP. Engadiu ademais que o partido laranxa ten cabida no PP.

Voces do PSOE tamén piden a Sánchez pactar coa dereita

Antigos líderes do partido de Sánchez insistiron en pactar con PP e Cs. O ex presidente da Xunta de Estremadura, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, anunciou que apresentará a súa baixa como militante se finalmente Pedro Sánchez «forma Goberno con Podemos, ERC e os independentistas».

Pola súa banda, o ex presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García- Page, insistiu en mostrar o seu rexeitamento a que partidos nacionalistas poidan ter a posibilidade de condicionar toda a lexislatura a cambio do seu apoio a unha investidura de Pedro Sánchez, á vez que considerou que hai que reclamar «responsabilidade» tanto a PP como a  Cs para evitalo.

Page apostou por que o PSOE chegue a acordos en cuestións sociais con Unidas Podemos e aborde «os problemas territoriais» con máis xente, en referencia a PP e Ciudadanos.

Ciudadanos chama a PP e PSOE a pactaren entre os tres

Desde Ciudadanos reivindican chegar a un acordo «moderado e reformista», expresión coa que se refiren a un pacto PSOE-PP-Cs, e critican que Sánchez poida ser investido coa abstención de partidos soberanistas.

Imploran ao Partido Popular que antepoña a votade de pactar co PSOE e Cs ás súas siglas e solicitan que «actúe» para evitar o que eles denominan «goberno do horror» do PSOE con Unidas Podemos e o apoio de partidos nacionalistas.