As filtracións da sentenza sobre o procés: condenas por sedición e malversación

As filtracións da sentenza sobre o procés: condenas por sedición e malversación
Manifestación da Assemblea Nacional Catalana. Foto: cedida.
Manifestación da Assemblea Nacional Catalana. Foto: cedida.  
A sentenza do histórico xuízo aos líderes independentistas cataláns parece ser obxecto dunha voadura controlada. Desde a pasada semana, os medios de comunicación de Madrid recollen informacións sobre as condenas, cuxa realidade se coñecerá entre o 14 e o 15 de outubro, e aseguran que non serán por rebelión, senón por sedición e malversación.

Rebelión era o delito de que acusaba a Fiscalía acusaba a nove ex consellers, a ex presidenta do Parlament e dous líderes civís do movemento soberanista. Mais a Avogacía do Estado, despois da caída do Executivo de Mariano Raxoi, descartouno e centrouse no de sedición. A diferenza é que o primeiro diríxese “contra a orde constitucional” e o segundo, “contra a orde pública”. Ademais, o primeiro implica un grao de violencia inexistente. As penas son menores no caso da sedición.

O xornal dixital catalán El Nacional recolle este domingo 13 de outubro as reaccións mediáticas estatais á inminente sentenza e lembra como os xornais de maior tiraxe “tiveron que tragar nestas cubertas as innumerábeis veces que chegaron a relacionar violencia e independentismo”. E así aparece en El Mundo, La Razón e El País: “A violencia non era parte do seu plan”.

Tamén segundo El Nacional, existe a posibilidade de que máxima condena recaia sobre o ex vicepresident Oriol Junqueras, 15 anos de prisión. “Seguirei defendendo o mesmo aquí e fóra, con cargo ou sen cargo”, declaraou desde o cárcere a pasada quinta feira ao xornal La Vanguardia.