Fin do asilo ecuatoriano para Assange?

Fin do asilo ecuatoriano para Assange?
Julian Assange. Foto:cedida.
Julian Assange. Foto:cedida.  Foto: Wikileaks

A revista The Intercept, nun inicio vinculada á divulgación dos documentos liberados por Edward Snowden, vén de informar da “inminente” retirada do asilo ecuatoriano de Julian Assange, refuxiado desde 2012 na embaixada do país latinoamericano en Londres.
 


Segundo a versión da publicación dixital, a visita do presidente de Ecuador Lenin Moreno ao Reino Unido para asistir a Cumio Global sobre Discapacidades agocha en realidade outro propósito: acordar coas autoridades británicas o final da protección ecuatoriana para Assange nas próximas semanas, mesmo ao final desta.  

The Intercept afirma ademais que o mandatario ecuatoriano non esixirá ningunha garantía aos gobernantes británicos sobre o futuro do fundador de Wikileaks e a súa extradición aos Estados Unidos, onde o Executivo de Donald Trump xa anunciou que o someterá a xuízo.

O Goberno de Lenin Moreno illou progresivamente Julian Assange. Desde maio, non pode comunicarse co exterior da embaixada. Antes bloqueara o seu acceso a Internet, despois de que o Goberno de Raxoi protestase contra as opinións públicas de Assange respecto de Catalunya. Este denunciara en varias ocasións os abusos contra os dereitos humanos cometidos polas policías españolas.

Nesta viaxe europea, Lenin Moreno tamén se entrevistará co novo Goberno español.