DECLARACIÓN ANTE O TS

Marta Rovira desprega unha estratexia de defensa para evitar o ingreso en prisión

Marta Rovira desprega unha estratexia de defensa para evitar o ingreso en prisión
Marta Rovira chega ao TS [Foto: NacióDigital]
Marta Rovira chega ao TS [Foto: NacióDigital]  

A número 2 de ERC rebaixa a DUI de 27 de outubro a "unha declaración simbólica". A Fiscalía pide para ela liberdade baixo fianza de 60.000 euros. Marta Pascal, a coordenadora do PDeCAT, fica na rúa sen medidas cautelares.


A estratexia de Marta Rovira é clara e remite para a ensaiada polos distintos referentes do independentismo: exercer o direito de auto-defensa perante as autoridades xudiciais españolas. Dito doutro xeito, o seu depoimento desta segunda feira perante o xuíz do Supremo Pablo Llarena ten como único obxectivo evitar a prisión.  A número dous de ERC -e potencial candidata a presidir a Generalitat- cualificou de "simbólica" a declaración de independencia formulada polo Parlament o 27 de outubro e, alén do máis, dixo coñecer a folla de rota deseñada por Carles Puigdemont.

 

Rovira respondeu as perguntas de Llarena, do fiscal e do seu avogado. O Ministerio Público pide para a dirixente republicana liberdade baixo fianza de 60.000 euros, o que significa que mantén o cargo de rebelión contra ela. A acusación particular -exercida polo partido de ultradireita españolista Vox- demanda, en troca, prisión sen fianza. O previsíbel é que o xuíz atenda a petición da fiscalía.

 

Esta semana asistiremos a un carrusel de comparecencias de dirixentes soberanistas perante o TS. Esta segunda feira é a quenda de Marta Rovira e de Marta Pascal, coordenadora do PDeCAT. Terza feira irán declarar Artur Mas e Neus Lloveras. Cuarta seria o día de Anna Gabriel, quen -áchase en Suíza segundo comunicou a propia CUP- é probábel que non compareza perante Llarena.

 

Todas estas persoas están acusadas polo xuíz de faceren parte dunha sorte de estado maior independentista ao que se responsabilizaría do deseño da rebelión, un delito que segundo o código penal implica necesariamente a utilización da violencia. Moitas voces xurídicas téñense alzado estas semanas para negar que esa tipificación delictiva se lle poda aplicar aos acontecimentos de Catalunya.

 

Marta Pascal, liberdade sen medidas cautelares

 

Por súa parte, a coordenadora do PDeCAT, Marta Pascal, fica en liberdade e sen medidas cautelares, após prestar tamén declaración perante Llarena. Porén, continúa imputada, por un delito de rebelión. O seu discurso no TS foi nunha liña moi semellante á do de Marta Rovira, na mesma dirección de restar validez xurídica ao pronunciamento do Parlament do 27-O.

 

No caso de Marta Pascal nen a fiscalía nen sequer o ultradireitista Vox pediron para ela medidas cautelares.

 

Noticia actualizada ás 16.18



x