PROCESO AO PROCÉS

A Fiscalía pergunta sobre as actividades políticas das persoas acusadas, sen achegar probas

A Fiscalía pergunta sobre as actividades políticas das persoas acusadas, sen achegar probas
Un momento da vista oral
Un momento da vista oral  

Quinta sesión do xuízo ao procés e continúa sen aparecer nin rastro do material acusatorio sobre o que se sustenta os gravísimos cargos -rebelión, sedición e malversación de fondos- que pesa sobre a 12 persoas acusadas. Alén de máis, esta terza feira sóubose que o Goberno Raxoi en ningún momento valorou a hipótese de declarar o estado de sitio após a declaración de independencia do 27 de outubro de 2017, Ese é un dato moi relevante: de ter habido rebelión, o Goberno tería que ter activado ese mecanismo constitucional.


As perguntas formuladas até agora polos distintos representantes da Fiscalía nas primeiras sesións do xuízo ao procés están a pivotar basicamente arredor das actividades políticas e institucionais das persoas acusadas. Até o de agora o Ministerio Público non achega ningunha proba que xustifique os cargos e que a causa se estea vendo non no Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya —a súa instancia natural, dado onde se produciron os feitos que se xulgan—, senón no Tribunal Supremo.

Este comportamento dos fiscais está a producir certa perplexidade nos meios españois, que se perguntan se estamos perante unha estratexia do Ministerio Público —que deixaría o material acusatorio para o interrogatorio ás testemuñas ou se simplesmente a causa é tan fráxil que non se sostén nas interpelacións directas ás persoas acusadas.

En todo caso, as defensas anotáronse un bon tanto ao ter comunicado o executivo central ao Tribunal Supremo que, de acordo con todos os datos disponíbeis, o Goberno Raxoi en ningún momento valorou a hipótese de declarar o estado de sitio após o Parlament ter aprobado a declaración unilateral de independencia o 27 de outubro.

As defensas alegarán que a non activación do estado de sitio é unha proba incontestábel da inexistencia dos delitos de rebelión e sedición.