A Fiscalía pide ao Supremo investigar a López Aguilar por violencia machista

A Fiscalía pide ao Supremo investigar a López Aguilar por violencia machista
López Aguilar [PSOE]
López Aguilar [PSOE]  

O Ministerio Público entende que a simple "posibilidade" de térense producido episodios violentos é suficiente para iniciar a investigación do eurodeputado. 


A Fiscalía entende que existen indicios suficientes para que o Tribunal Supremo abra unha investigación ao eurodeputado do PSOE e ex-ministro de Xustiza, José Antonio López Aguilar por un presunto delito de violencia machista. 

Así o comunicou nun escrito remitido á máxima instancia no que, asemade, afirma que a mera "posibilidade" de se teren producido os acontecementos denunciados é razón para investigalo. Unha decisión que se produce despois de ter estudado o auto remitido polo xulgado de Gran Canaria no que foi presentada a denuncia por parte da Policía española e após teren prestado declaración Natalia Nuez, ex-compañeira de López Aguilar e familiares. 

Agora debe ser a sala de admisión do Supremo quen estude o caso e determine se corresponde ou non iniciar un proceso xudicial. 

López Aguilar mantén a súa condición de aforado como integrante do Parlamento europeo onde mantén a súa representación embora abandonar o grupo parlamentar do PSOE europeo. O ex-ministro foi dado de baixa na formación política que estuda tamén unha posíbel expulsión de se confirmaren os feitos. 

Segundo a información trascendida na imprensa López Aguilar tería agredido fisicamente a Natalia Nuez en varias ocasións, mesmo en presenza das crianzas de ambos.