A folga xeral en Catalunya corta as principais vías e para plantas como a da Seat

A folga xeral en Catalunya corta as principais vías e para plantas como a da Seat
Asemblea de traballadores e traballadoras do Porto de Barcelona secundan a greve desde primeira hora da mañá desta sexta.
(@PortuariosBCN)
Asemblea de traballadores e traballadoras do Porto de Barcelona secundan a greve desde primeira hora da mañá desta sexta. (@PortuariosBCN)  

Esta sexta feira tamén coincidirán na capital catalá as cinco ‘Marchas pola Liberdade’ que partiron a pasada cuarta desde diferentes puntos de Catalunya reunindo miles de persoas.


‘Polos dereitos e liberdades, Folga Xeral’. Este é o lema do paro convocado en Catalunya para esta sexta feira por sindicatos como a Intersindical-CSC e ao que se sumaron outros como CGT ou Unió de Pagesos para dar resposta á sentenza do Tribunal Supremo que condena 100 anos de prisión as lideres independentistas. Formalmente, a folga convócase por motivos laborais (contra a precariedade, por un SMI de 1.200 euros...) pois as greves políticas están prohibidas no Estado español.

O paro déixase notar nas primeiras horas en cortes das principais vías de comunicación catalás, tanto estradas como camiños de ferro, así como cancelación de voos e retrasos no aerporto. Tamén no ensino, cun alto seguimento en centros de secundaria e universidade; ou en diferentes medios de comunicación catalá que, como o Ara, non sacan hoxe edición en papel.

Un dos maiores centros de traballo de Catalunya, a planta de Seat en Martorell, parou a produción desde a tarde da quinta feira. A dirección fala de “parada técnica” ante a imposibilidade de garantir que chegasen subministros e operarias á factoría. A medida afecta case 7.000 traballadores e traballadoras.

A cadea de supermercados Bonpreu non abre as súas tendas e ofreceu un permiso retribuído aos seus 7.000 empregados e empregadas. A folga esténdese a diferentes sectores, así a asemblea de estibadores e estibadoras do Porto de Barcelona sumouse á folga, A patronal Cecot informou que a metade das empresas asociadas fecharon pola folga. 

Ao longo da xornada haberá diferentes manifestacións con motivo da folga xeral, sendo a principal a convocada ás 17:00 horas nos Jardinets de Gràcia, en Barcelona.

Por outra banda, miles de persoas fan parte das ‘Marchas da Liberdade’, que arriban esta sexta feira á capital catalá para exixir a liberdade dos presos e presas políticos.