Un forte sismo devasta Nepal e deixa centos de persoas mortas e feridas

Un forte sismo devasta Nepal e deixa centos de persoas mortas e feridas
Efectos do sismo (Foto: Snober Alan)
Efectos do sismo (Foto: Snober Alan)  

O terremoto, de 7,9 graos de magnitude, provocou avalanchas en zonas do Everest e graves danos na capital e no noroeste do país asiático. [Vídeo e imaxes no interior]



Nepal espertou este sábado cun forte terremoto, de 7,9 graos de magnitude na escala de Richter. O sismo deixou centos de persoas mortas e feridas e rexistrou até doce réplicas, provocando a caída de numerosos edificios e importantes danos na capital Katmandú e no noroeste do país, epicentro do tremor de terra.

Segundo datos do ministro de Interior nepalí, a cifra de vítimas mortais superaría as 800 persoas, entre as que habería numerosas menores. Por centos cóntanse tamén o número de feridas, que colapsan nestes momentos o principal hospital de Nepal, apuntan fontes de Reuters. Milleiros de habitantes botáronse á rúa presas do pánico.

O sismo derrubou decenas de construcións e vivendas, con especial incidencia na capital, e abriu fendas no pavimento. Edificios como a Torre Bhimsen (na imaxe da dereita), un emblemático monumento do século XIX reconstruído por mor doutro terremoto, ou a céntrica Praza Durbar, están “nun estado irrecoñecible”, apuntan fontes da axencia internacional. 

O tremor provocou tamén fortes avalanchas no monte Everest, sepultando campamentos e deixando polo momento oito montañeiros e montañeiras mortas e decenas de feridas. Segundo dous alpinistas españois presentes na zona, que resultaron ilesos, a situación é de “caos” polas dificultades para acceder á zona montañosa.

En países veciños como India e Paquistán, o terremoto e as conseguintes réplicas sentíronse con virulencia, informan medios locais.