AUTODETERMINACIÓN

Francia e Nova Caledonia negocian un segundo referendo de independencia

Francia e Nova Caledonia negocian un segundo referendo de independencia
nova caledonia
nova caledonia  

O primeiro ministro francés, Edouard Philippe, acolle esta quinta feira unha xuntanza entre os asinantes do Acordo de Noumeá, o proceso que deu comezo á descolonización do arquipélago.


“Estou determinado a que a segunda consulta sexa tan irreprochábel como a primeira”. O primeiro ministro de Francia, Edouard Philippe, afirmaba esta pasada terza feira as súas intencións de cara á xuntanza que deu comezo esta quinta en París entre os asinantes do Acordo de Noumeá, capital de Nova Caledonia.

O 19º Comité de Asinantes deste acordo, que deu comezo en 1998 ao proceso de descolonización progresiva do arquipélago, ten como principal obxectivo o de convocar un segundo referendo -dos tres previstos no pacto- sobre a independencia deste territorio situado na Oceanía. En principio, a consulta organizaríase ao longo do ano 2020.

No novo referendo as e os cidadáns deste, actualmente, territorio de ultramar francés deberán decidir sobre a transferencia dos cinco poderes que aínda ostenta o Estado francés (moeda, xustiza, policía, defensa e asuntos exteriores), así como tamén sobre a organización da cidadanía e a nacionalidade, e o seu acceso a un estatuto internacional de plena soberanía.

Segundo de tres

No primeiro referendo, en novembro do ano pasado, unha maioría de 56% optou por manter o statu quo. As sondaxes estiman que o resultado podería ser similar nesta vindeira consulta. De ser así, habería un terceiro referendo, tal e como estabelece o Acordo de Noumeá.

Segundo o presidente do Goberno de Nova Caledonia entre xuño de 2009 e marzo de 2011, Philippe Gomès, os grupos contrarios á independencia queren adiantar o máximo posíbel as datas deste segundoe hipotético terceiro referendos, mentres que os separatistas -afirma- rexeitan rexistrar para o voto os indíxenas que non aparecen xa nas listas electorais.