O gaélico escocés resístese a desaparecer entre a mocidade das Highlands e Hébridas

O gaélico escocés resístese a desaparecer entre a mocidade das Highlands e Hébridas

7% da xuventude di que é quen de falar este idioma por un 24% que di saber "pouco" ou "algo". Unha porcentaxe estábel á baixa a respecto de hai unha década.

O gaélico escocés, noutrora lingua estendida e falada por toda Escocia, está actualmente en risco crítico de desaparición. Ten algo máis de 90.000 falantes, 58.000 dos cales están en Escocia e o resto naqueles países onde existen importantes comunidades escocesas froito da emigración, como Canadá, Estados Unidos ou Australia. En Escocia é o norte do país unha das zonas onde a lingua ten unha comunidade de falantes se ben este mantense baixo mínimos. Unha situación que é perceptíbel principalmente entre a mocidade.


Un estudo sobre a realidade da mocidade das Highlands e illas Hébridas na que tomaron parte 3.130 mozos e mozas indica que 31% dos xóvenes tiñan algún coñecemento do gaélico-escocés. Debullada esta porcentaxe, 7% dos mozos e mozas desas comarcas din poder falar gaélico por un 24% que din que poden facelo un "pouco" ou "algo".  En 2011 era 8% da mocidade desas áreas quen podía falar ese idioma.

No conxunto de Escocia, os escoceses que afirman que falan gaélico son 57.600, o que representa apenas 1,1% da poboación. E 25.000 deles din que empregan ese idioma habitualmente. En 2001 a cifra de falantes era de 58.600. Porén, é na mocidade onde se está a dar un cambio a positivo a respecto do idioma propio do país. Nas franxas por baixo dos 18 anos aumenta a porcentaxe de gaélico-falantes. Nunha década pasou do 0,9% ao 1,2%.

Alén dos 57.600 escoceses que din saber falar gaélico hai outros 30.000 que afirman que o entenden e teñen coñecementos do idioma. Por zonas, 61% dos habitantes das Illas Hébridas coñecen o gaélico, así como 7,4% dos que viven nas Highlands. En Glasgow 1,7% da poboación fala gaélico (perto de 10.000 persoas).



x