PERSONOUSE A FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS GALEGAS

As galegas desaparecidas nas causas de lesa humanidade contra a ditadura arxentina

As galegas desaparecidas nas causas de lesa humanidade contra a ditadura arxentina
A Escola de Mecánica da Armada (ESMA), en Bos Aires, que foi centro clandestino de detención e tortura durante a ditadura do xeneral Videla e hoxe é un museo da memoria. Foto: Wikipedia.
A Escola de Mecánica da Armada (ESMA), en Bos Aires, que foi centro clandestino de detención e tortura durante a ditadura do xeneral Videla e hoxe é un museo da memoria. Foto: Wikipedia.  
De entrada foron 27 nomes, 22 galegos, tres asturianos e dous dos que non consta información. Son as persoas desaparecidas polas que a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (Fagra) se personou nas causas de lesa humanidade contra a ditadura arxentina.

Os procesos comezaron en 2006, despois de que o Goberno de Néstor Kirchner anulase as leis de Punto Final e Obediencia Debida que exoneraban a maior parte dos militares de responsabilidades nos crimes do réxime de Videla. Na actualidade hai máis de 600 abertos. A Federación rexistrou, de acordo con familiares das desparecidas, catro escritos cos nomes das desaparecidas.

A inhibición do Estado español respecto da súa cidadanía represaliada pola ditadura arxentina (1976-1983) -non presentou ningunha querela, a diferenza doutros países, denuncia Diego Martínez Duro, presidente da Fagra- provocou que, andando o tempo, a entidade galega asumise tamén a representación de persoas de fóra de Galiza. Pero os nomes que se reproducen a continuación, segundo constan nun informe do pasado setembro dos avogados que levan os casos, son os que iniciaron a actuación da Federación de Asociacións Galegas. A orixe nacional destas persoas, todas militantes de diferentes áreas da esquerda, son datos extraídos do libro Desaparecidos españoles en la Argentina (2010), de Lois Pérez Leira.

No primeiro escrito, presentado o 18 de xullo de 2006, figuran:

Ernesto Fernández Vidal, de Melón.
Ramón García Ulloa, de Antas de Ulla.
Dolores del Pilar Iglesias, de Antas de Ulla.
Manuel Ramón Souto Lestón, de Cee.
Juan Carlos Casariego de Bel, de Ribadeo.
Urbano López Fernández, da Fonsagrada.
Manuel Gómez Aguirre, de Monterroso.
Jaime Emilio Lozano Nieto, de nai de Pontevedra.
Inés Ollero, de pai de Allariz.
Miguel Ángel Castiglioni Cornes, de nai de Ribadumia.
Alberto Horacio García López, do que non se atopa información sobre a súa orixe.

O segundo escrito presentouse o 7 de marzo de 2007 e nel aparecen:

Carlos Gustavo Cortiñas, neto de avós de Celanova.
Víctor Vázquez López, fillo de pais da Coruña.
Alicia Raquel D'Ambra, neta de avós de Guitiriz e O Incio.
Carlos Alberto D'Ambra, neto de avós de Guitiriz e O Incio.
Ricardo Isidro Gómez Feáns, neto de avós de Lugo e Santa Comba.
José Manuel Monteagudo Ferreiro, de Caldas de Reis.
Laura Susana Cedola Camarero, sen datos de orixe, estaba casada con Monteagudo Ferreiro.
Salvador Barbeito Doval, de Sanxenxo.
Rubén Castro Fernández, de Monterroso.
Luis Justo Agustín Cervera Novo, neto de galega.

O terceiro escrito rexistrouse o 25 de abril de 2008 con estes nomes:

Eleonora Liliana María Cristina de Domínguez, filla de pais asturianos.
Ceferino Fernández Álvarez, de Tineo (Asturias).

No cuarto escrito do 10 de xuño de 2008 están:

Mateo González Capón, de Chantada.
Adriana Claudia Marandet, de ascendencia asturiana.
Eduardo Edelmiro Ruival, sen datos pero casado con Marandet.
Hilda Adriana Fernández, neta de avós de Boimorto e Lobios.