Garda Civil detén nove independentistas en Catalunya por “rebelión” e “terrorismo”

Garda Civil detén nove independentistas en Catalunya por “rebelión” e “terrorismo”
Foto @arran-jovent
Foto @arran-jovent  

Operativo da Garda Civil en varias localidades catalás. A Fiscalía da Audiencia Nacional acusa estas persoas, integrantes dos CDR, de preparar actos "terroristas con finalidade secesionista". ERC e JxC piden explicacións ao ministro do Interior e as CUP chaman a se mobilizar contra a "criminalización" do independentismo. 


Axentes da Garda Civil detiveron esta segunda feira nove independentistas acusados de planear supostamente “accións violentas”, segundo fontes do Ministerio do Interior citadas por medios cataláns. As persoas detidas son integrantes dos CDR (Comités de Defensa da República) e son investigados desde hai máis dun ano por “terrorismo” e “rebelión” e “tenza de explosivos”. Non se desbotan máis detencións. As persoas detidas pasarán a disposición xudicial na Audiencia Nacional ao longo dos vindeiros días.

A Garda Civil tamén realizou rexistros en 10 domicilios en diferentes localidades catalás. A Fiscalía da Audiencia Nacional apontou que as persoas detidas pensarían realizar “accións violentas” co gallo da sentenza aos líderes independentistas.

Xa se convocaron diversas concentracións e mobilizacións de solidariedade coas persoas detidas nesta operación policial. ERC e Junts per Catalunya pediron explicacións ao ministro do Interior por este operativo. Desde a CUP denúnciase a “criminalización” do movemento do independentista e faise un chamado á mobilización.